Compostela

Parece que o despacho do director xeral de Función Pública non é seguro. Ollo! Calquera pode entrar!!

Resulta que CCOO e UGT andan repartindo “confidencialmente” un papeliño cos asuntos que cociñan na comisión de seguimento do acordo de concertación. E como outras veces, resulta tamén que ese papeliño chegou á CIG. Que mala pata!

Volve a resultar, ademais, que nese libelo aparecían as cousas que o director xeral de Función Pública ía traer o día 25 de marzo á Mesa Xeral, que curiosamente ía expoñer como unha cesión e o resultado dunha dura negociación con CCOO e UGT que así “conseguen arrancarlle á Administración” unhas condicións máis benignas para a funcionarización.

Tamén resulta, que xa sabiamos máis cousas desas que o director anuncia na Mesa Xeral, como cando se vai publicar a orde de carreira profesional, cantos funcionarios cumpren cos requisitos (8.000) e cantos laborais (3.000), etc.

Vamos, que tiñan todo cociñado previamente e viñeron a montar un espectáculo valleinclanesco dun duro tira e afrouxa onde o resultado, Oh! por Don Manoel!!, xa o tiña a CIG enriba da mesa dende facía 3 días.

Como é natural, o noso compañeiro na Mesa pedíu explicacións desta ópera bufa (case podemos dicir que pediu tamén que lle devolveran o importe das entradas da Mesa Xeral). A resposta do director xeral a por que nos chegou un documento co guión desta película esperpéntica onde se proba que todo o que traen á Mesa está negociado previamente vai en consonancia coa función teatral: “Mi despacho suele quedar abierto y es posible que alguien entrara y se hiciera con el documento”.

Pois nada, terá que dar sete voltas axeonllado e cun capirote a San Caetano, por neglixente, e terá que tomar medidas drásticas, non vaia ser que a próxima vez lle saian do seu despacho os papeis desfilando.

[Imaxe: Salvados/La Sexta]

A semana do 25 ao 29 de marzo vai estar ben completa de asuntos a discutir cos responsábeis políticos da Administración. Vamos tratar a convocatoria das oposicións das escalas de letrado e técnica de estatística, a orde de convocatoria do sistema extraordinario de carreira profesional, os criterios xerais de funcionarización do persoal laboral fixo, e unha xuntanza co conselleiro do Medio Rural para discutir asuntos referentes ao persoal axente medioambiental e forestal. De entrada.

Para todos estes asuntos, podes contactar connosco e achegarnos o que consideres: contacta coa CIG

Acceso ao sistema extraordinario do grao I da carreira profesional. Vai á Comisión de persoal do luns 25. Contén cambios respecto da versión que foi á Mesa Xeral. Entre outros cambios, modifican os prazos, e crean unha nova "comisión de seguimento" para excluir aos sindicatos non asinantes. Podería publicarse o xoves 28. Descargar borrador da CP

Criterios xerais dos procesos de funcionarización do persoal laboral fixo. Vai á Comisión de Persoal do luns 25. Sen cambios respecto do documento que pasou pola Mesa Xeral tras ser negociado ás agachadas entre CCOO, UGT e Función Pública. Descargar borrador da CP.

Tras a polémica xurdida polos procesos selectivos para a funcionarización do persoal laboral da Xunta de Galiza, para a CIG-Autonómica compre aclarar a posición fronte deste proceso así como as consecuencias que para os servizos públicos ten dividir e confrontar ao persoal empregado público e fomentar o seu desprestixio perante a sociedade.

Os procesos selectivos da funcionarización son procesos de promoción interna, voluntarios, de categorías laborais que pasarían escalas funcionariais, limitadas exclusivamente para o persoal fixo que xa superou un proceso selectivo para o acceso á función pública.

A Mesa Xeral convocada para o mércores 13/03/2019 finalmente foi aprazada para o venres 15/03/2019. Tratáronse os seguintes asuntos:

  • Acceso ao réxime extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional
  • Criterios xerais dos procesos de funcionarización
  • Convocatoria do proceso selectivo da escala superior de estatística.
  • Convocatoria do proceso selectivo da escala técnica de estatística.
  • Convocatoria do proceso selectivo da escala de letrados.

PROCEDEMENTO PARA O ACCESO AO RÉXIME EXTRAORDINARIO DO GRAO I DA CARREIRA PROFESIONAL

Traen a xuntanza un novo documento modificado, sen tempo para o seu estudo. Supomo que xa esta negociado no despacho do director de Función Pública con CCOO e UGT. Aquí establecen o complemento de carreira en relación ao complemento de destino, amplían prazos de presentación de solicitude e se afinan os subterfuxios e condicionados de acceso do persoal laboral fixo á carreira profesional.

A CIG reitera as alegacións presentadas na procura dunha carreira profesional mais xusta, para todo o persoal, e solicitamos a súa negociación. O director xeral de Función Pública respostou só as seguintes alegacións da CIG:

  • O prazo de 6 meses faiselles moi longo.
  • O persoal laboral non integrado no V Convenio non cobrará a carreira profesional e o persoal do Consorcio tamén queda fóra.
  • As sentenzas do Tribunal Supremo non teñen incidencia no Acordo galego. (ver primeira e segunda labazada xudicial á carreira profesional)
  • Non quixeron entrar nas particularidades e diferentes casuísticas da aplicación da orde ao persoal laboral.

Fai uns dias que algunhas persoas están a chamar aos locais da CIG preguntando por unha folga convocada para o xoves día 21 de marzo. A única información que tiñamos era algún papeliño que apareceu nalgún centro, ata que fai dous ou tres días comezaron a notificar servizos mínimos a algunhas persoas.

Non era moita a información que circulaba, pouco máis que unhas pistas que falaban dunha folga convocada en todas as administración públicas do estado.

Como ven sendo habitual para non dar tempo a recursos xudiciais, a Xunta ditou os servizos mínimos a véspera da folga (curioso, que xa fai días houbo quen recibiu notificación de servizos mínimos cando ainda non existía Orde).

Para completar o alucine, o mesmo día que publican os servizos mínimos, tamén na véspera, aparece unha información do suposto sindicato convocante desmentindo que eles convocaran folga algunha.

Pois a ver como acaba isto. Se non hai folga legal convocada, quen decidiu publicar unha Orde de servizos mínimos? E se efectivamente foi convocada, e posto que a negociación deses servizos é obrigatoria, con quen se sentaron a discutilo? 

Haberá algún iluminado ou iluminada que dea explicacións? E se alguén meteu a pata, aparecerá a súa cabeza nunha bandexa?

No DOG do luns 18 de marzo de 2019, publícase a Resolución do 7 de marzo de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza do grupo IV, categorías profesionais de xerocultor/a e de persoal de servizos xerais.

As persoas interesadas deberán presentar instancia conforme ao modelo que se encontra á súa disposición no portal web da Xunta de Galiza e pagar as taxas correspondentes.

O prazo para a presentación de instancias comezará o martes 19 de marzo, e rematará o 30 de abril de 2019.

Para ter información sobre as titulacións requiridas e os demáis requisitos das listas consulta a Resolución.

Outra sentenza do Tribunal Supremo, agora contra un acordo de carreira profesional do Institut Català de la Salut que excluía ao persoal interino.

Hai unha semana informamos aquí que o Tribunal Supremo fallou en contra dun acordo de carreira profesional que excluía a interinos e temporais nas Illes Balears. Pois ben, nunha sentenza de data 21/02/2019, o Tribunal Supremo volve sobre os mesmos argumentos, esta vez para declarar discriminatorio o acordo de carreira do Institut Català de la Salut.

No Fundamento de Dereito Sexto da citada sentenza, o Supremo establece:

1º) "que a carreira profesional, como a establecida no Acordo da Mesa Sectorial de 19 de xullo de 2006 (DOGC de 28 de decembro de 2006, coa modificación publicada no DOGC de 29 de marzo de 2007), está incluída no concepto “condicións de traballo” da cláusula 4ª do Acordo Marco incorporado á Directiva 1999/70/CE referida ao principio de non discriminación, e aos efectos de valorar as diferenzas de réxime xurídico aplicable aos funcionarios interinos e ao persoal laboral temporal, ao que ven referida a actuación impugnada."

Chegou á CIG un ruxe-ruxe que fala dunhas reunións da Xunta con certos sectores da alimentación relacionados directamente con provedores das cociñas que atenden ós comedores de xestión directa dos CEIPs pertencentes á Consellería de Educación, os cales son atendidos por persoal laboral da Xunta de Galiza.

As reunións terían sido en Compostela, con membros da Asociación de Carniceiros e nesa reunión os representantes da Xunta aseguraron que as cociñas que atenderan os comedores escolares de menos de 250 comensais serían substituídas por servizos de catering.

De ser así, a maior parte das cociñas destes comedores escolares botarían o peche para ser substituídas por un servizo de catering que todos aqueles que o coñecemos sabemos que é de dubidosa calidade. Amáis habería un importante número de traballadoras e traballadores afectados que, como pouco, deberían cambiar de destino de traballo si é que non hai perdas de emprego.

A Xunta debería dar explicacións a cerca de si este ruxe-ruxe ten algún fundamento, ou si é que pretende que no medio de todo esta morea de procesos nos que os empregados públicos nos vemos mergullados neste momento, pretende facer pasar desapercibida a eliminación dun persoal e dun servizo público máis, en prol dunhas empresas privadas que están servindo unha comida de dubidosa calidade nas escolas públicas.

Comunicaronos dende Función Pública a apertura de novas listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza, grupo IV, categorías profesionais de xerocultor/a e de persoal de servizos xerais (PSX).

Segundo a información que nos transmiten, publicariase no DOG previsiblemente o luns 18 de marzo.

O Tribunal Supremo ven de fallar a favor de incluír ao persoal interino e temporal na carreira profesional das Illes Balears

Un mes e pico despois de que CCOO e UGT decidiran coa Xunta que o persoal interino e temporal non ten que cobrar a carreira profesional, o Tribunal Supremo, nun caso similar ao noso ven de fallar:

  • "que a carreira profesional establecida nos acordos ratificados polo acordo do Consello de Goberno das Illes Balears de 8 de maio de 2015 está incluída no concepto “condicións de traballo” da cláusula 4ª do Acordo Marco incorporado á Directiva 1999/70/CE referida ao principio de non discriminación, e aos efectos de valorar as diferenzas de réxime xurídico aplicable aos funcionarios interinos e ao persoal laboral temporal, ao que ven referida a actuación impugnada."
  • "que existe discriminación deste persoal por condicionarse a súa participación na carreira profesional deseñada no acordo recorrido á circunstancia de ter superado un proceso de ingreso..."
  • "que supón, do mesmo xeito, a estimación do recurso contencioso administrativo coa consecuencia de declarar contraria a Dereito a actuación impugnada na medida en que exclúe aos funcionarios interinos e ao persoal laboral temporal do réxime de carreira profesional e o recoñecemento do dereito das recorrentes a esa carreira profesional ..."

Adviñas quen asinou este acordo discriminatorio nas Illes Balears? Acertaches: CCOO e UGT, entre outros, ademais de CSIF.

A pesares de todos os antecedentes que hai, a xurisprudencia, as directivas europeas, especialmente a 1999/70/CE, CCOO, UGT e a Xunta decidiron discriminar ao persoal interino e temporal, polo que o recurso da CIG vai ser o único xeito de incluílo dentro do sistema extraordinario de carreira profesional. A non ser que atendan a petición de renegociar o acordo para facelo universal.

Para situarnos.