A Xunta de Galiza ven de perder no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o recurso de apelación interposto por eles contra unha sentenza gañada pola CIG confirmando a mesma e deixando sen efectos as ordes dadas polas xefaturas territoriais referentes a elaboración de menús, recepción de mercancías e elaboración de pedidos diarios, deixando claro que serian funcións do persoal de cociña.

Segundo este Tribunal a recollida dos pedidos e subministros é unha tarefa que debe quedar reservada con carácter exclusivo ao persoal de cociña, pois con eles van elaborar os menús programados pola dirección do centro de acordo ás directrices do Consello Escolar.

Pero para as delegacións territoriais da Consellería de Educación que levan dende anos atrás enviando escritos aos centros con comedor propio esa tarefa non é dos oficiais 2º de cociña e requiren ás direccións que “...de xeito inmediato, releve á oficial 2ª de cociña do seu centro do desempeño das funcións que corresponden a outro persoal con responsabilidade na organización do comedor...” entre elas as de “Recepción e control de mercadoría”.

Pois ben, si para o TSXG é función exclusiva do persoal de cociña e para Educación non é función das/os oficiais 2º de cociña, máis claro auga: é función dos oficiais 1ª.

E por iso a CIG ven de solicitar á Consellería de Educación unha xuntanza o máis axiña posible para aclarar e proceder á reclasificación dos cociñeiros/as, posto que os traballos a realizar despois do ditaminado na sentenza do TSXG corresponderían aos de Oficial/a de 1ª cociña (grupo III, categoría 65), como recoñecen as xefaturas territoriais.