Como si se tratara da estrutura de castas da India, Educación non acepta tratar ningunha suba salarial con parias desa consellería, só hai cartos para brahmáns. E a Xunta nin lle tira das orellas nin abre a negociación a todo o persoal laboral e funcionario na Mesa Xeral de negociación dos empregados/as públicos/as.

Na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria traballan ao redor de 35.000 persoas, das que 29.500 son persoal docente e ao redor de 5.500 son persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza.

Redondeando as cifras podemos dicir que destes 5.500 funcionarios e laborais da Xunta de Galiza, 1.500 funcionarios e 2.500 laborais traballan en centros de ensino (4.000 “non” docentes, como adoita cualificar Educación ao persoal de Administración Xeral que traballa nos centros de ensino), e os outros 1.500 noutro tipo de centros de Cultura e Educación e en dependencias administrativas.

Estas 5.500 persoas que traballan na Consellería de Cultura e Educación e non son docentes, pertencen a moitos tipos de categorías de persoal laboral e corpos e escalas de funcionarios, como conserxes, médicas, arqueólogos, cociñeiras, enfermeiros, arquitectas, limpadores, fisioterapeutas, administrativas, subalternos, arquitectas técnicas, enxeñeiros industriais, intérpretes de linguaxe de signos, coidadores, auxiliares, axudantes e funcionarios dos corpos superior e técnico de arquivos, bibliotecas e museos, condutoras, auxiliares administrativos, por poñer exemplo só dalgúns.

Esta consellería ven de facer agora unha oferta para incrementar as retribucións do seu persoal, pero non de todo... só dunha parte!

A concepción clasista da consellería só ten en conta aos docentes. Da igual que os docentes teñan dende hai anos carreira profesional en forma de sexenios, da igual que todos teñan nivel 24 e 26, se hai cartos queren poñelos enriba da mesa só para os docentes.

Dende a CIG non imos solicitar nin sequera que a negociación abranga a todo o persoal da Consellería Cultura e Educación, senón que imos solicitar que abranga A TODO O PERSOAL DA XUNTA DE GALIZA, docente, “non” docente, sanitario, “non” sanitario, funcionario, laboral e estatutario.

A negociación ten que ser COLECTIVA, e todos os cartos que se dispoñan teñen que estar enriba da Mesa Xeral de negociación dos empregados/as públicos/as da Xunta de Galiza e non en mesas sectoriais. Non podemos crear castas dentro da Administración.