A Xunta pretende impor un acordo "inadmisíbel"
Dende a representación sindical lembran que o colectivo de axentes ambientais e forestais leva dende 2007 sen un acordo laboral que regule cuestións fundamentais para este persoal funcionario da Xunta como o horario e xornada, plano formativo, permisos, segunda actividade, compensacións por exceso horario, especial responsabilidade e riscos asociados ás funcións como a toxicidade, penosidade e turnicidade, entre outros.
Agora, coa escusa da urxencia para ter listas as faixas de seguridade dos núcleos rurais, estradas, vías do tren, liñas eléctricas, etc., ante o inicio da temporada de lumes; a dirección xeral de Función Pública pretende impor un aumento das gardas de case o 50%, ampliando a excesiva carga horaria de máis de 190 horas ao mes, durante seis meses, que xa teñen. Hai que lembrar que, a causa da vaga de lumes que arrasou Galiza en outubro pasado, a Xunta decidiu ampliar parcialmente esas faixas de protección que xa estaban contempladas na lexislación dende o ano 2007, pero que o PP de Feijoo recortou cando accedeu á Xunta.
"Isto non é algo novo, levamos facendo o traballo de control e informe das franxas dende 2007", afirma Zeltia Burgos, da CIG-Administración Autonómica, pero con esta escusa a Xunta "dinos que temos que traballar máis horas, sen ter en conta o estrés ou a especial responsabilidade que debemos asumir no nosos traballo". Burgos engade que falta persoal e que esta situación afecta "tanto á seguridade dos traballadores e traballadoras como da cidadanía".
Incremento do 50% das gardas
A este respecto, sinala que o persoal leva 10 anos demandando unha redución do cómputo horario xunto a unha suba salarial. Porén, na proposta de acordo remitida a pasada semana, a Xunta converte en dispoñíbeis todas as noites do ano, incrementa un 50% as gardas, ofrecendo 3€ por garda, "co que cobraríamos arredor de 12 euros por día de traballo, que non dan nin para xantar". As gardas, continúa explicando Zeltia Burgos, son de 12 horas e a administración non pon sobre a mesa un incremento real do cadro de persoal dimensionado á carga de traballo.
"Dende a CIG rexeitamos a totalidade do documento porque é inasumíbel. Ademais, nin sequera recolle as propostas anteriores formuladas na Mesa", denuncia. Entres outros puntos, Burgos referiuse á segunda actividade, á posibilidade da xubilación anticipada cos coeficientes redutores (a terceira parte do cadro de persoal supera os 55 anos), ou á especial responsabilidade e riscos asociados ás funcións como a toxicidade, penosidade e turnicidade, entre outros. "Para nós é indispensábel que todas estas cuestións estean enriba da mesa para poder chegar a un acordo", aseverou.
Diante desta situación, Burgos non descartou a convocatoria de folga no sector e lembrou que a CIG ten convocada folga xeral o 19 de xuño. "Somos xente de loita e imos loitar até o final", afirmou.