Dun modo ou outro a intención declarada é a amortización o cal tería consecuencias graves tanto si se retiran do concurso como si permanecen.

A proposta de amortización é grave por moitos motivos:

  1. Redúcese o número de postos na Administración Pública galega coas consecuencias que ten para a prestación dos servizos públicos.
  2. Impídese a mobilidade xeográfica e a promoción vertical e horizontal dos funcionarios ao haber un 30% menos de postos aos que concursar.
  3. Lévase a termo a operación negada pola Consellería de Facenda de que non se vai reducir emprego público nin despedir interinos, pois todo o movemento que se faga no concurso vai implicar o despido de interinos.
  4. Amortízanse 88 prazas en centros de ensino público, e 14 en oficinas de emprego.

 

Xa antes de que se aproben os Orzamentos que van recoller a amortización dos postos se pon en marcha a destrución do sistema de emprego público, que comezou co acto de elección de destino do grupo A1, tal e como salientamos a pasada semana, e continúa agora co concurso de traslados de corpos xerais. Das 1153 prazas de persoal funcionario menos que se recollen nos Orzamentos, en apenas un mes a Xunta xa puxo en marcha o mecanismo para destruír 451 postos de funcionarios.

Despois de que dende a CIG pedísemos durante o ano 2012 en innumerábeis ocasións a convocatoria dun concurso de traslados, xa que o anterior foi convocado o 6 de maio de 2010 cando existe a obriga legal de convocalos anualmente, agora Función Pública decide convocalo sen apenas prazo para alegar e negocialo, para dar satisfacción ás demandas da DX de Orzamentos de poder amortizar canto antes os 1153 postos de traballo previstos.

Dende a CIG esiximos que non se amorticen eses postos de traballo e que se inclúan no concurso e denunciamos que este é un paso máis na destrución sistemática do emprego público e no deterioro da Administración Pública que pretende o Partido Popular.