Por se non abondase coa eliminación de postos, retiran determinadas prazas, como as habilitacións, supostamente para convocar un posterior concurso "específico", o que nos lembra o ocurrido coas xefaturas de servizo na primeira lexislatura de Feijoo: pasaran a ser de concurso co bipartito pero o novo goberno retirounas do concurso porque ían convocar un específico para estes postos, sendo o resultado final a reforma da Lei da Función Pública para que os servizos volvesen a ser de libre designación. É o mesmo goberno, con xustificacións similares, e os antecedentes non nos facilitan a boa fe.

As bases, que nunca serán a gusto de todos e todas, favorecen nalgúns aspectos ao persoal que ocupou ou ocupa postos de libre designación, quenes non terán que agardar dous anos no último destino para poder concursar:

  • Grao persoal: a puntuación máxima obtense co grao 30 (director/a xeral), algo que non está ao alcance de quen non teña un bo padriño.
  • Traballo desenvolvido: calquera funcionario/a que fose libre designación vai conseguir un extra de puntuación para os postos de concurso equivalente a bonificarlle cun 233% cada ano traballado en LD.
  • En medidas de conciliación, ao tempo que rexeitan atender certas circunstancias que demandamos, bonifican a reunificación co cónxuxe ou parella ao noso entender excesivamente (equivalente a 3,3 anos de antigüidade).
  • Seguen sen aceptar valorar a formación por horas reais en vez do actual sistema de tramos. Tampouco aceptan ampliar as modalidades formativas ou os certificados de competencia.
  • Castiga aos funcionarios/as que, polo mal funcionamento da propia Administración, estiveron forzados a botar anos en destino provisional.

 

En definitiva, os responsábeis políticos da Administración Galega van impoñernos un concurso de traslados sen ter en conta as numerosas alegacións presentadas pola CIG.