Toma de posesión diferida

A Consellaría de facenda, segundo informa a propia resolución, acordou diferir os prazos posesorios ata que rematen os actos de elección de destino definitivo do persoal funcionario da Administración xeral en destino provisional (c1 consolidación 2008 e a2 libre 2009)

Son só dous os procesos selectivos pendentes de destino definitivo e por tanto, a toma de posesión conxunta co concurso non debería demorarse moito máis de 2 semanas. Porén, temos constancia que no c1 teñen dificultades para atopar vacantes suficientes para ofertar ás 60 persoas que agora mesmo se atopan en destino provisional. No A2 foron un total de 15 as persoas chamadas a elixir destino provisional.

Agardamos que para a semana comecen a chegarnos a proposta de postos a ofertar para función pública ás persoas que se atopan en provisional. A publicación no DOG da orde de toma de posesión estímaa Función Pública para finais deste mes de marzo se non houber ningún problema grave.

 

Suba das cotizacións dos postos de nivel e de servizos periféricos

Son días estes de moita alegría para compañeiras e compañeiros que conseguiron algún dos obxectivos que buscaban co concurso: ben obter un posto de nivel ou nalgunha localidade de servizos periféricos. Porén, foron moitas tamén as frustracións e prevense tamén bastantes recursos, canto menos na fase administrativa ante queixas na baremacións e algún que outro erro (se non lle poñen remedio antes).

Por exemplo, esta suba da nota de corte nos postos adxudicados foi de ata 2 puntos nas xefaturas de sección e de negociado. A causa da dita subida foi o aumento de participantes e a baixada de postos ofertados. Neste último caso, cómpre facer unha reflexión sobre as consecuencias das sucesivas amortizacións, non só sobre a prestación dos servizos públicos, senón tamén sobre a nosa carreira profesional.

Entramos nunha época de escaseza, onde parte destes postos van parar ao mercado negro das comisión de servizos, e máis adiante será do concurso específico o que restrinxa a oferta de postos públicos, un concurso específico que xa anunciaron no borrador da Lei de Emprego Público de Galiza. De feito, nun futuro, esta previsto desvincular a promoción profesional dos concursos de traslados e que o nivel se consolide a través dunha avaliación do desempeño moi polémica polo seu carácter 100% subxectivo que depende fundamentalmente do informe da xefatura da unidade.

 

Os números

O número total de aspirantes foi de 3.033 (fronte a 2.866 en 2010). O total de prazas ofertadas foi de 1.085 e 990 as finalmente adxudicadas en primeira fase (fronte 1.598 en 2010). Estes son os números que fixo pública a Administración a través de nota de prensa

Por outro lado, hai unha listaxe oficiosa dos postos da fase de resultas que se lle pasou ás consellarías na que había 441 postos. Na resolución adxudicaron 257 postos en resultas. Dá unha diferenza de 184 prazas.

Segundo Función Pública deses varios centos serían en números redondos só 55 os postos que non sacaron ás resultas polos seguintes motivos: 25 serían postos que se van “estatutarizar” e sobre 30 serían os postos a amortizar polas consellarías. Do resto, a maioría, serían prazas que que quedaron libres pero que non se adxudicaron na fase de resultas (postos base maioritariamente).

 

Concurso cada tres anos

O último concurso convocouse no 2010 e o anterior no 2007, iso a pesar de que a Lei de Función Pública, aínda en vigor, fala de concursos de traslados anuais. E menos mal que non conleva incremento orzamentario a realización dun concurso (como a Xunta recoñece na súa nota de prensa). Por desgraza non observamos moito interese en que isto se cumpra e, de feito, xa teñen pensado eliminalo do novo texto da Lei de Función Pública.

Se recorremos á hemeroteca, na resolución do concurso anterior, o director xeral comunicou publicamente o compromiso do Goberno galego de convocar o concurso con carácter anual e, de feito, comprometíase a convocalo antes de maio de 2011 (finalmente foi en febreiro de 2013).

 

Política de optimización e racionalización de recursos humanos

Unha das cuestións destacadas pola Xunta cada vez que resolve un concurso “nun momento de limitación de recursos financeiros” é a contención de gastos de persoal.

Evidentemente, os concursos de traslados ademais de responder a un dereito das traballadoras e traballadores públicos é unha ferramenta que ten a propia Administración para ordenar os seus recursos. Porén, as veces parece que teña máis interese en non ordenar estes ou en facelo só de cando en cando, preferindo as comisións de servizo eternas (con ou sen posto).

Desde a CIG defendemos os servizos públicos de calidade e para iso é preciso dotar de persoal estes servizos. O que vemos na actualidade é que recortan os cartos cos que dotan o capítulo I (persoal propio) e que logo derivan cara o capítulo VI (para privatizar os servizos). Con esta deriva política perde a cidadanía cando ve que aumenta o custo, aumenta a corrupción e se reduce a calidade do servizo público e perde o persoal propio que ve reducida as súas posibilidades de mobilidade e de promoción profesional.

 

Outra información de interese

  • LISTAXE de postos adxudicados no anexo I da orde de convocatoria nos que se modificou o seu código na relación de postos de traball. Descargar
  •  
  • LISTAXE de adxudicacións (formato excel). Descargar