Outro conflito de intereses ten a orixe no diferente tratamento que reciben as persoas que promocionaron permanecendo no posto por estar aberto ao grupo superior ou porque o seu posto foi recualificado, e quen tiveron que escoller destino obrigatoriamente.

Referente á obrigación de concursar, as bases prevén dar un tratamento idéntico a situacións distintas: quen participa tras un reingreso dende a excedencia, quen estea a disposición do conselleiro/a, quen fora cesado/a dun posto de libre designación, e quen foi removido/a do posto por amortización. Non é xusto, especialmente para estes últimos.

A proposta da Administración supón un cambio na fase de resultas, consistente nun sistema de escoller postos concretos e non o que quede libre segundo criterios como a localidade, a consellería, ou o nivel como se viña facendo ata agora. Pois ben, coa automatización que se pode aplicar utilizando ferramentas informáticas, non vemos impedimento para que convivan tres fases, aplicando unha terceira fase de resultas segundo criterios de selección (localidade, consellería, nivel..), e que estes sexan aplicados reiteradamente ata que se esgoten todas as posibilidades de cambios. O inconvinte deste método é que de aplicarse reduciríanse as prazas apetitosas para adxudicar en comisión de servizos, algo co que sempre xogaron os responsábeis políticos da Administración.

Un ano máis, para a fase de resultas resérvanse a posibilidade de ofrecer unicamente as prazas “de necesaria cobertura”. É dicir, se queren poden retirar prazas vacantes da primeira fase e non ofrecelas en resultas. Pois ben, estamos fartos de pelexar nas múltiples modificacións das relacións de postos de traballo e ver como as consellerías suprimen postos continuamente porque, segundo eles, non son necesarios. Unha vez que chegamos ao concurso, a CIG demanda que oferten todas as prazas, porque se están na RPT, SON NECESARIAS, segundo os mesmos argumentos das consellerías.

A puntuación proposta pola Administración para a antigüidade lévanos a que para obter a máxima puntuación hai que ser funcionario/a dende o ano 1978. A CIG considera que estirar a puntuación por antigüidade ata tan atrás no tempo vai xustamente en contra do peso relativo deste mérito en relación cos outros méritos. Por poñer un exemplo gráfico, é como se a un anaco de goma elástica a estiramos máis ou menos, pero cortamos sempre á mesma distancia dende un dos extremosl: canto máis estiramos, o anaco cortado é máis curto. A solución pasa por dar máis puntuación á antigüidade (o anaco de goma, máis longo antes de estirar), ou poñer límites ao estiramento. Non aceptar unha destas dúas alternativas reduce o peso da antigüidade no conxunto do concurso.

Estamos a falar dun concurso de méritos, así que queremos limitar a puntuación polo grao de xeito que o máximo corresponda a aquel que se poida obter mediante esta mesma forma de provisión (nivel 26). Para os superiores, en todo caso, estamos dispostos a fixar unha escala diferente.

O mérito de traballo desenvolvido, tal e como está deseñado, desequilibra a puntuación favorecendo a quen busca un nivel inferior. Sería o caso, por exemplo, das persoas que dende unha xefatura de servizo optan a unha sección. O seguinte beneficiado é quen busca desprazarse de localidade mantendo o nivel. Para finalizar, as últimas persoas beneficiadas son quenes queren ascender. O desequilibrio existente entre os primeiros e os últimos é excesivamente grande. Propomos minorar as diferenzas entre uns e outros.

As medidas de conciliación requiren revisión. Quen teña un fillo/a non escolarizado/a queda en desigualdade respecto de quen o/a teña escolarizado. Temos o caso de quen resida nunha localidade na que non existan vacantes: tal e como están as bases non se poderá beneficiar das medidas de reagrupamento familiar que si benefician a quen opte a localidades con vacantes (os primeiros non poden beneficiarse, sequera, dunha aproximación á localidade de residencia).

Propomos a inclusión de máis cursos entre os que se valoran para todos os postos, ao entender este sindicato que se tratan de cursos transversais. Insistimos en que a valoración dos cursos sería máis xusta de facerse tendo en conta o número de horas, en troques do actual sistema de tramos. Entre as entidades formativas válidas para os cursos de idiomas oficiais da Unión Europea falta meter ás escolas oficiais de idiomas.

Estas son tan só algunhas liñas das alegacións presentadas pola CIG dentro dun elaborado documento de 6 páxinas que contempla múltiples aspectos polo miudo. Agardamos a convocatoria de Función Pública para sentarnos a discutir as bases polo miudo. Mentres tanto, agradecemos calquer aportación que queiras facer.

Outros concursos de traslados e promoción interna

Como informamos o 13 de marzo, o Director Xeral da Función Pública anunciou na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos que para o resto de concursos non teñen datas, e que en dúas semanas enviarían os últimos borradores da promoción interna, con cambios substanciais. Pasaron xa varias semanas, e novamente temos outro incumprimento de Función Pública.