Nunha xuntanza mantida este mércores 2 de marzo, Función Pública anúncianos que está disposta a por en marcha un sistema informático que garanta o concurso de traslados permanente, tanto para corpos e escalas de Administración xeral e especial como para laborais.

Esta vella reivindicación da CIG, que no caso do persoal laboral se recolle no V Convenio Colectivo dende o ano 2008 (asinado por CIG e UGT), parece que agora Función Pública a ve como lóxica.

Durante este mes facilitarannos un borrador coas ideas sobre a súa posta en marcha de cara a estudar xunto coas organizacións sindicais as fórmulas posibles para facelo viable.

Pola nosa banda amosámonos dispostos a negociar algo que xa temos non só proposto, senón recollido no convenio colectivo, pero esperamos a ter máis datos. Estamos dispostos incluso a poder cambiar algúns dos criterios baremábeis se iso fose un atranco técnico para poñelo en marcha. E se no ano 2008 apostabamos por unha periodicidade mínima semestral, o actual estado da tecnoloxía informática permitiría que agora fose, como mínimo, trimestral e que inclúa todas as prazas vacantes que se vaian producindo nese período. Isto remataría coas comisións de servizo e as adscricións temporais, ou polo menos as reduciría ao mínimo, tanto en número como en duración.

Dende logo terá que producirse unha negociación no ámbito do persoal do V Convenio e da Mesa Sectorial de funcionarios/as, e así como afirmamos que estamos dispostos a negociar seriamente este cambio no sistema de concursos, tamén queremos ser prudentes antes de felicitarnos por algo que non sabemos se vai ser real ou é un anuncio electoral máis.