Concursos de traslado

O concurso das escalas sanitarias irá á seguinte Comisión de Persoal tras pasar, por segunda vez, por Mesa Xeral, tras un vergoñento retraso de máis de catro anos segundo o pacto asinado entre Sindicatos e Administración.

Non é algo descoñecido na Administración Autonómica que o tempo que media entre concursos de traslados se midan en décadas para moitas escalas de persoal funcionario e todo o persoal laboral. Tampouco nos é descoñecido que as persoas responsábeis da política de persoal da Administración incumpran sistemáticamente a súa palabra en canto a prazos. A película do concurso de traslados do persoal funcionario das escalas sanitarias é un caso moi bo para ver estes problemas.

O asunto nace no ano 2013 cando Sanidade decide pechar os laboratorios de saúde pública de Coruña, Ourense e Pontevedra, centralizando toda a actividade en Lugo. Despois de diversas xuntanzas, tensións, concentracións.., en decembro dese ano (2013) sindicatos e Administración chegamos a un pacto sobre o persoal dos laboratorios. O pacto incluía a convocatoria dun concurso de traslados no prazo de 6 meses. Así que antes do verán (do 2014) tería que estar convocado o concurso.

O primeiro borrador tivémolo en outubro do ano seguinte. O segundo borrador non chegou ata febreiro do 2017, e dende entón outros cinco borradores máis. A esto sumamos os borradores de prazas, alegacións, xuntanzas. Por fin foi á Mesa Xeral en abril/2018. Chegou a ir á Comisión de Persoal, pero finalmente foi retirado. O mércores 20 de abril volve a entrar na Mesa Xeral. Se todo fose ben, podería estar no DOG no prazo de duas/tres semanas.

O primeiro inconvinte que vai ter este concurso é que só afecta a unha das escalas (escala de saúde pública e administración sanitaria), excluíndo ao persoal da escala de atención primaria e especializada. Mal comezo para dar saída a algúns compañeiros e compañeiras que levan anos cos postos a extinguir.

A valoración dos méritos non nos gustan. O máximo de antigüidade obtense con 40 anos de servizos, co que unha porcentaxe da puntuación vai quedar sen valorar a todo o persoal; e a súa valoración será por anos, non aceptando a nosa proposta de que fose por meses; as diferenzas de graos están moi desequilibradas rexeitando a Administración a proposta da CIG de incrementar o valor mínimo e diminuir os incrementos; o traballo desenvolvido prima en exceso ás persoas que prestaron servizo en postos de libre designación.

En canto aos postos, a Administración resérvase o dereito de retirar calquer posto das resultas. Fai anos que solicitamos a convocatoria de prazas en Oferta de Emprego, pero non fixeron caso e agora atopámonos que retiran moitas delas por estar ocupadas por "interino/a anterior a 2005". Sanidade, agora si, comprométese a convocar as prazas nunha próxima oferta de emprego (pero foi dito "coa boca pequena"). O pacto de non ofertar as prazas trasladadas dende outros laboratorios tiña sentido cando o horizonte era un concurso ao cabo de seis meses. Pero catro anos e medio despois, xa non ten sentido, e as persoas do laboratorio de Lugo que ven como as súas prazas si son ofertadas, síntense perxudicadas.

Auga de castañas!