Coa colaboración de CCOO e UGT, Función Pública meteuse en cincuenta mil fregados, e os concursos de traslados non lle son unha prioridade. O problema para reclamalo xudicialmente é que ainda que a lei fala de concurso anual, esto é como o dereito á vivenda ou ao traballo que establecen a Constitución: non deixa de ser unha declaración de intencións, pois non hai maneira de reclamalo xudicialmente.

Respecto do concurso de corpos xerais, a Dirección Xeral de Función Pública enviounos un borrador coa súa proposta de convocatoria do concurso de traslados de corpos xerais, con prazo ata o día 5 de abril para que enviemos alegacións. O normal sería que a continuación tivesemos algunha xuntanza para sentarnos a discutilo, pero tal e como está a actuar ultimamente o director xeral, xa non sabemos se teremos algunha xuntanza para negociar ou se se limitará sentarse con algúns sindicatos amigos no seu despacho.

A cousa leva "algo" de retraso, non? Fora alá por xuño do 2017 (en nada fará dous anos), cando Función Pública remitira aos sindicatos unha proposta de "baremos xerais" aplicable a todos os concursos. Daquelas o obxectivo era: simplificar os trámites, reducir os tempos de resolución, automatizar, etc. Tivemos unha chea de borradores, xuntanzas, alegacións, ata que por xuño do 2018 a cousa ficou ata hoxe.

Dos diferentes méritos desa proposta de baremo xeral, destacaban dous aspectos nas discusións:

  1. Na súa proposta, a Administración facía desaparecer a valoración das titulacións superiores ás requeridas para acceso ao grupo do empregado público. A xustificación do DXFP, que a CIG non comparte, é que hai máis de 2.000 titulacións diferentes, que enlean a celeridade do concurso.
  2. A valoración da formacion evolucionou, para ben e para mal:
    • Van valorar todos os cursos, non só unha selección deles como era ata agora.
    • A puntuación vai ser individualizada para cada número de horas, non por tramos como ata agora.
    • Partiamos dunha proposta de FP de que os cursos caducaban aos dous anos. Ao longo da negociación pasamos a cinco, despois a oito, e posteriormente a 10. A CIG defende que non caduquen, e o máximo que ofreceu o DXFP foi fixar unha situación transitoria, que se concreta nestas bases en que os cursos anteriores ao 1/1/2020 non caducarán, pero os posteriores xa non puntuarán a partir dos dez anos.
    • A relación de entidades válidas para a formación quedou reducida respecto da última palabra do DXFP, quen falaba de considerar os cursos do ISSGA, Instituto da Muller, etc. Quedarían fora tamén segundo este borrador, os cursos das escolas oficiais de idiomas.

Ainda pendente de estudar a proposta polo miudo, outro aspecto destas bases que non son do agrado da CIG é que rexeitamos os méritos específicos, que non deixan de ser unha barreira que dificulta a mobilidade do persoal. Para a CIG, a empresa debe formar ao persoal, e a puntuación por experiencia debe ser igualable por formación. 

Se queres aportar algo, podes contactar coa CIG.