As altas cifras de cobertura “excepcional” demostran a necesidade dun concurso de traslados pero se non se convocan concursos é porque politicamente non interesa. E non interesa porque as comisións de servizos son discrecionais, a dedo, mentres que nos concursos os postos asígnanse por méritos obxectivos.

A situación dos concursos de traslados na Xunta de Galiza, en xeral, é moi grave e resulta dobremente prexudicial: non só a Xunta está furtando sine die os nosos dereitos de promoción profesional, mobilidade e conciliación familiar; estamos falar tamén dunha xestión de recursos humanos públicos ineficiente que se controla baixo intereses que nada teñen que ver coa cobertura dos postos públicos consonte á lei.

Ante as escusas da Administración das continuas modificacións das estruturas e normativa para imposibilitar a súa convocatoria regular, compre mirar para a Administración Xeral do Estado, que a pesar dos cambios de ministerios e relacións de postos de traballos, e da complexidade maior polos efectivos afectados, convoca concursos de traslados de xeito regular, case anualmente.

Nós propoñemos un concurso permanente e aberto para todas as traballadoras e traballadores públicos da Xunta por dous motivos: 1) garante a cobertura máis inmediata e baixo demanda de postos públicos por criterios obxectivos e 2) non se producen desequilibrios organizativos na Administración autonómica ao andar saltando de posto a posto ao mesmo tempo centos de persoas. E en concreto, para o persoal laboral seguimos demandando, canto menos, un concurso previo a calquera proceso de funcionarización.

Que haxa concursos de traslados non só é bo para a gran maioría de traballadoras e traballadores públicos que verían respectados os seus dereitos de carreira, conciliación e mobilidade, senón tamén para a cidadanía que recibiría un servizo máis profesional e independente. Non entendemos que a Xunta poña por diante os seus intereses de seguir controlando discrecionalmente a cobertura dos postos de concurso por diante, xa non dos nosos dereitos, senón do bo funcionamento da Administración e das garantías de servizo público.

Dende a CIG, instamos ao Presidente da Xunta á posta en marcha do concurso permanente e á convocatoria inmediata dos concursos secuestrados e así llo diremos a través das mobilizacións que resulten necesarias e a través das accións xudiciais dispoñíbeis. Así pois, facemos tamén un chamamento ao conxunto das traballadoras e traballadores públicos a apoiar as mobilizacións que se convoquen neste sentido.