Concursos de traslado

Á clásica retirada de postos vacantes dos concursos por "vindeira amortización" ou "modificación substancial" previa á convocatoria, uniuse desta volta un par de ocasións de amortizacións adicionais unha vez xa convocado o concurso. Agora, trala resolución, a Administración fai uso da base da convocatoria que permite retirar postos das resultas que vaian ser tamén amortizados. Parece que isto non ten fin, así como outras polémicas que rodean os concursos de traslados, por non falar, dese concurso permanente que non dá chegado, ou do resto de concursos que fican na cuneta.

Informou o director xeral que na adxudicación definitiva foron liberados da fase de resultas un total de 564 postos dos que suprimiron 14 polo que cree que "usou moderadamente" a facultade de retirada de postos das resultas por vindeira amortización. Non informan dos postos concretos. Estes son os datos:

  • Adxudicacións postos Fase inicial: 756
  • Postos liberados da Fase de resultas: 564
  • Postos adxudicados en Fase de resultas: 371
  • Suprimidos: 14 (Educación, 11; Vicepresidencia, 1; Política Social, 1; Mar, 1)
  • Ratio suprimidos/liberados: 2,48%
  • Total de adxudicacións: 1127

O luns 26 de xullo publicouse no DOG a resolución do concurso de provisión de postos de traballo na Administración xeral da Xunta de Galiza.

A CIG ten coñecemento de que foron retiradas algunhas prazas da fase de resultas do concurso de traslados de corpos xerais da Xunta de Galiza sen que se dera ningún tipo de razón que explique esa retirada de postos.

A CIG ven de remitir un escrito a Función Pública no que esiximos explicacións a este feito polo que solicitamos unha relación de prazas retiradas na fase de resultas xunto co motivo, de ser o caso, que se aduce para a dita retirada.

No DOG nº 140 do martes, 26 de xullo de 2016 publícase a Resolución do 20 de xullo do 2016, da Dirección Xeral de Función Pública, pola que se resolve o concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia, convocado pola Resolución do 19 de maio de 2015.

Nesa resolución pódense consultar os listados de asignacións ás persoas que solicitaron postos tanto na primeira fase como na fase de resultas.

A orde indica que se procederá a diferir o prazo de toma de posesión ata que se publique no DOG unha resolución na que se indique a data de inicio dos ditos prazos.

Os destinos adxudicados serán irrenunciables, agás que con anterioridade á finalización dos prazos posesorios se obteña outro destino mediante convocatoria pública, ben polo procedemento de libre designación ou por concurso, en cuxo caso poderá optar por un dos dous.

As persoas funcionarias adxudicatarias están obrigadas a comunicar por escrito a opción realizada á Dirección Xeral da Función Pública dentro dos tres días seguintes ao da publicación da resolución da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abran os prazos posesorios.

A Dirección Xeral de Función Pública acaba de facer público no seu web o listado de adxudicacións de prazas do concurso de traslados de corpos xerais, tanto da primeira como da fase de resultas.

Comunica tamén que a publicación da resolución e anexos no Diario Oficial de Galiza será o día 26 de xullo.

Informan de Función Pública, que a resolución do concurso de traslados de corpos xerais publicarase no DOG do martes 26 de xullo.

A toma de pose quedaría para setembro.

Pasaron máis de tres semanas dende que rematou o prazo para facer alegacións ás puntuacións provisionais do concurso e a Xunta de Galiza aínda non convocou a comisión que as resolverá.

Parece que o goberno de Feijoo está a xogar novamente coa vida do persoal funcionario en función dos tempos electorais que manexa o Partido Popular sen importarlle que, polos seus intereses, se poida ver retrasado un concurso do que están pendentes máis dun milleiro de persoas.

Dende a CIG esixímoslle a Función Pública que deixe de cumprirlle os caprichos electorais ao PP e comece a actuar con profesionalidade e eficiencia e proceda a convocar, con carácter inmediato, a Comisión de valoración do concurso de méritos co fin de proceder resolver as reclamacións das persoas aspirantes e así proceder á resolución do Concurso de traslados de corpos xerais antes do verán deste ano.

No DOG do venres 18 de marzo publicouse a resolución da Dirección Xeral da Función Publica, pola que se fan públicas as puntuacións provisionais dos participantes admitidos no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia.

A información atópase á disposición dos interesados na web da Xunta de Galicia á que podedes accedes nesta ligazón.

As pesoas interesadas poderán formular reclamacións contra as puntuacións provisionais no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

O mércores 16 de marzo xuntouse por primeira vez a comisión de valoración do concurso, prevista na base VIII da convocatoria e no artigo 12 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

Segundo a información que recibimos, e se non hai ningún atranco informático, a valoración provisional dos méritos sería na maior brevidade posíbel aínda que hai voces que apuntan que podería ser o venres 18 (queremos supoñer que de marzo).

Respecto do tratado na comisión de valoración, temos que dicir que as persoas representantes da Administración entregaron unha proposta de criterios innegociables. Foinos entregado como proposta, pero non aceptaron nin unha soa das propostas manifestadas polo representante nomeado pola CIG que fixo un voto particular á proposta.

A Dirección Xeral de Función Pública remitiu escrito aos sindicatos presentes na Mesa Xeral o martes día 1 de marzo para que, en relación ao concurso de traslados de funcionarios e funcionarias dos corpos xerais, no prazo de cinco días designasen dous representantes na Comisión de valoración prevista no artigo 12 do regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna de Galiza.

Tal e como recollen as bases do concurso no seu punto VIII é a comisión a que fai a proposta de valoración provisional dos méritos. Así pois que ata que non estea constituída non vai saír publicada esa valoración provisional da que estaban depurando erros dado que se obtén informáticamente; con sorte poderemos vela na semana do 7 ao 11 de marzo.

Recordamos que inicialmente falaban de febreiro, logo de finais de febreiro e ao final vai resultar case mediados de marzo.

Nunha xuntanza mantida este mércores 2 de marzo, Función Pública anúncianos que está disposta a por en marcha un sistema informático que garanta o concurso de traslados permanente, tanto para corpos e escalas de Administración xeral e especial como para laborais.

Esta vella reivindicación da CIG, que no caso do persoal laboral se recolle no V Convenio Colectivo dende o ano 2008 (asinado por CIG e UGT), parece que agora Función Pública a ve como lóxica.

Durante este mes facilitarannos un borrador coas ideas sobre a súa posta en marcha de cara a estudar xunto coas organizacións sindicais as fórmulas posibles para facelo viable.

Pola nosa banda amosámonos dispostos a negociar algo que xa temos non só proposto, senón recollido no convenio colectivo, pero esperamos a ter máis datos. Estamos dispostos incluso a poder cambiar algúns dos criterios baremábeis se iso fose un atranco técnico para poñelo en marcha. E se no ano 2008 apostabamos por unha periodicidade mínima semestral, o actual estado da tecnoloxía informática permitiría que agora fose, como mínimo, trimestral e que inclúa todas as prazas vacantes que se vaian producindo nese período. Isto remataría coas comisións de servizo e as adscricións temporais, ou polo menos as reduciría ao mínimo, tanto en número como en duración.

Dende logo terá que producirse unha negociación no ámbito do persoal do V Convenio e da Mesa Sectorial de funcionarios/as, e así como afirmamos que estamos dispostos a negociar seriamente este cambio no sistema de concursos, tamén queremos ser prudentes antes de felicitarnos por algo que non sabemos se vai ser real ou é un anuncio electoral máis.