Concursos de traslado

O luns 3 de marzo publicouse a resolución do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia, convocado pola Orde da Consellería de Facenda do 20 de febreiro de 2013.

Podedes consultar as asignacións de postos nesta ligazón.

A asignación de vacantes pódense consultar nesta outra ligazón.

Se queredes ter acceso ás vosas puntuacións e ao desglose das mesmas podedes facelo aquí.

A Consellaría de facenda, segundo informa a propia resolución, acordou diferir os prazos posesorios ata que rematen os actos de elección de destino definitivo dos/as funcionarios/as da Administración xeral en destino provisional. A data de inicio dos prazos posesorios publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Se calquera persoa quere impugnar a resolución pode interpor recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral da Función Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo.

 

(Nota: é probábel que a resolución do concurso sexa publicada no DOG do luns 3)

O xoves 27 informaron CSIF e UGT nuns correos masivos que o concurso de traslados de corpos xerais publicaríase no DOG do venres 28. Tamén está a circular un listado coa resolución do concurso, incluíndo a fase de resultas. A CIG falou con Función Pública sobre estes dous aspectos do concurso e:

1º. Aseguran que nunca afirmaron que a resolución sería o venres 28, senon que tentarían que así fose. Por tanto, de ser esto certo, a afirmación de CSIF e UGT é inexacta.

2º. En canto ao listado que está a circular, asegura Función Pública que nunca saíu deles, que tivo que ser feito por algunha persoa pola súa conta. Afirman que xa noutros concursos pasou o mesmo e que ao final non coincidiu.

Volven a soar moitos ruxe-ruxes sobre a inminente resolución definitiva do concurso de corpos xerais. De feito, soa con forza a data do 28 deste mes para a publicación no DOG.

Volvimos a contactar con Función Pública e non aseguran tanta exactitude. Si é certo que hai indicacións do director de resolvelo neste mes de febreiro e na situación actual podería chegar a resolverse pero calquera imprevisto podería atrasalo ata comezos do mes de marzo.

Actualmente aínda están rematando de cargar as resolucións das reclamacións da comisión de valoración. Esta semana do 17-21 de febreiro poderían mandar os postos de resultas ás consellarías ás que lle darían un prazo dun par de días para retirar algunha. Esto nos poñería a comezos da semana que vén, momento en que pasarían ás centrais sindicais os postos que non irían as resultas por "vindeira amortización" e xa aí estarían en disposición de afinar o día de publicación no DOG.

No DOG do 17 de febreiro de 2014 veñen de saír publicadas varias ordes polas que se adxudica destino definitivo aos/ás funcionarios/as que superaron diversos procesos selectivos para o ingreso no corpo facultativo de grao medio e superior de varias escalas.

Asemade, tamén se publica a resolución pola que se abre o prazo posesorio dos postos adxudicados en virtude da Resolución definitiva do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración especial da Xunta de Galicia.

Así o vén de anunciar Función Pública  no seu web e afecta non śo ás persoas pendentes do concurso, senón tamén das adxudicacións de destino definitivo.

A data prevista para a publicación no DOG das ordes de adxudicación de destino definitivo e nomeamento, no seu caso, das escalas de Administración especial da Xunta de Galicia que procederon nos últimos días á elección de destino definitivo é o 17-02-2014. Nesta mesma data tamén está previsto publicar a Resolución pola que se abre o prazo posesorio dos postos adxudicados en virtude da resolución definitiva do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración especial da Xunta de Galicia.

No DOG do 31 de xaneiro de 2014 publícase  a Resolución do 29 de xaneiro do 2014, da Dirección Xeral da Función Publica, pola que se fan públicas as puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior de Administración da Xunta de Galicia de sistemas e tecnoloxía da información, do corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, escala de xestión de sistemas de información e do corpo administrativo da Xunta de Galicia, escala técnica auxiliar de informática, convocado pola Orde do 30 de maio de 2013.

Contra estas puntuación provisionais as persoas interesadas poderán formular reclamación no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos que se xuntou o xoves 16 de novembro, o Director Xeral da Funcion Pública deu a seguinte información sobre os concursos de traslados:

- O 29/1/2014 vai ser a última eleición de destino dos funcionarios de escalas que están en destino provisional.

- Contan que a partires de entón, na primeira quincena de febreiro, sexa a publicación e a toma de pose dos concursos de funcionarios especial e dos funcionarios de destino provisional que pasarán a definitivo.

- En febreiro resolverán e tentarán que tomen destino, os concursos de administración xeral, finanzas e informática.

- No de concurso de xeral están agora rematando as reclamacións á puntuación provisional.

- Teñen pendente a eleición de destino de dous procesos selectivos pendentes (C1 e A2).

Está xenerando bastante inquedanza a resolución provisional do concurso de corpos xerais nos que se atopan decenas de persoas que actualmente ocupan unha libre designación (LD). Vimos de solicitar formalmente os datos das renuncias e información sobre esta situación xa que hai persoas que están neses postos en adscrición provisional e outras que xa foron nomeadas ou o van ser en breve.

Instamos a Función Pública (FP) a que axilice a resolución das LDs e a tramitación das renuncias ao concurso antes da súa resolución definitiva. O obxectivo é que se "liberen" varias decenas de postos de nivel. Destaca FP que polas bases as persoas que obteñan un posto de LD poden renunciar ata a data de toma de posesión do concurso pero non lles “poden obrigar a facelo antes”; poderían telo feito se as bases foran noutro sentido. Xa que logo, pode darse que o posto que se lle adxudicase quedaría vacante e disposto para entrar na dinámica perversa das comisións de servizo, ou o que é peor, das amortizacións.

O mércores 30 de outubro publicouse no DOG a resolución da Dirección Xeral da Función Publica pola que se fan públicas as puntuacións provisionais dos participantes admitidos no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia, convocado pola Orde do 20 de febreiro de 2013.
Na dita resolución fanse públicas as puntuacións provisionais das e dos concursantes admitidas/os para cada un dos postos solicitados. Podedes consultar as vosas puntuacións neste enlace.
As persoas interesadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No DOG do 17/10/2013 publican a Resolución pola que aproban a relación definitiva de admitidos/as e excluidos/as para o concurso de traslados de corpos xerais.

Informamos tamén de que o día 21/10/2013 recibimos petición de nomeamento de representantes sindicais na comisión de valoración dos méritos alegados polos/as concursantes.