Concursos de traslado

O mércores 25 tivemos unha xuntanza con responsábeis de Función Pública para tratar diversos aspectos dos concursos de traslados de corpos xerais e especiais. Ademais de discutir o problema causado pola posibilidade de que haxa unhas 90 persoas que poidan modificar a súa solicitude do concurso de xerais (ver información polo miudo), informóusenos de que van facer dúas modificacións na convocatoria de xerais (unha á base III.5.1 e outra á relación de postos ofertados) e algunhas ideas do ritmo de execución.

A modificación da base III.5.1 da actual orde do concurso xeral (cursos de formación), van facela porque, segundo nos din, é obrigatorio: queren clarificar esta base igual que se fixo no concurso de corpos especiais. A modificación consiste en relacionar máis polo miudo os órganos que son válidos para impartir os cursos que se van valorar. Din que obedece, este erro, a un corta e pega.

A outra modificación, tamén do concurso xeral, consiste en excluír unha praza da relación de postos ofertados, a número 14, xa que hai unha sentenza que a adxudica a unha persoa en concreto. Afirman que en breve publicarán no DOG a execución da sentenza.

Función Pública abriu un prazo extraordinario de enmenda da solicitudes ao marxe das bases da convocatoria para a xente que ten obriga de participar no concurso [sic].

Nun exercicio de transparencia sen igual, Función Pública decidiu remitir unha notificación individual a todos aqueles participantes no concurso de traslados que tiñan a obriga de participar e solicitar todas as prazas da súa localidade, ben de destino actual ou anterior, e que están actualmente na situación de adscrición provisional ou a dispor derivada dun reingreso na Administración, cesados dunha Libre Designación ou por supresión do posto de traballo, tal e como indica a Lei de Función Pública de Galiza.

O total de persoas que recibiron esta notificación foron 90, dun número aproximado de 600 que están na situación antes indicada, coa obriga de concursar e con esas  determinadas condicións. As consecuencias de non facelo, tal e como obriga a normativa actual, son gravísimas, xa que supón quedar en excedencia voluntaria por interese particular, o que supón ir dous anos como mínimo á rúa. Nunha época de amortizacións e desmantelamento dos Servizos Públicos, como a que estamos a vivir actualmente, pode supor a práctica condena a perder a condición de funcionario de xeito indefinido.

Segundo información facilitada por Función Pública o luns, 29 de xullo, publicarase no DOG a resolución da baremación provisional do concurso de corpos especiais convocado no DOG do 03/12/2012.

A información concreta poderédela obter desde o correspondente web dos concursos de traslados de Función Pública.

Ante a próxima convocatoria do concurso de traslados para a provisión de postos de traballo vacantes das escalas superior e técnica de finanzas, Función Pública puxo a nosa disposición  a información relativa aos postos vacantes destas escalas.

Observamos que continúa a orxía de amortizacións que repercute non só nos servizos públicos senón nas nosas posibilidades de mobilidade e promoción profesional. Unha vez accedido á aplicación de postos, observamos que son un total de 100 postos pero que ao final quedan en 91 xa que 9 eliminanse por proposta de amortización da consellaría de Facenda.

O prazo para presentar as alegacións remata o 19 de xullo. Convidámosvos a achegarvos as vosas consideracións antes desa data para poder estudalas.

O xoves, 4 de xullo, houbo unha xuntanza con Función Pública para tratar o borrador das bases do concurso de traslados das escalas de Finanzas. A CIG fixo unha seire de alegacións das que a Administración non deu sinais de ir facer demasiados cambios. De feito, nin está prevista unha segunda reunión previa á Mesa Xeral.

Función Pública quere convocar este concurso para antes das vacacións de agosto, pero teñen o problema que a Consellería de Facenda non lle enviou as prazas para o concurso, ou sexa a estas datas non teñen aínda o buzón de postos.

Propostas de modificación da CIG ás bases do concurso de Finanzas:

Xa está colgada no web de Función Pública a listaxe de postos dispoñibles para a fase de resultas. O prazo para presentar solicitudes remata o 12 de xullo.

O día 2 de xullo 2013 publicouse na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) a relación de postos cuxo sistema de provisión é o concurso e que estaban ocupados con carácter definitivo polos/as concursantes que formalizaron telematicamente solicitude de participación optando a postos relacionados no anexo I das bases da convocatoria.

Consonte ao apartado V das bases, o persoal funcionario que previamente presentara instancia de participación no concurso, poderá solicitar os ditos postos utilizando o modelo que estará a súa disposición na páxina web de Función Pública ata o 12 de xullo. Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, os/as aspirantes deberán cubrir todos os datos que aparecen en pantalla e posteriormente validalos e confirmalo.

Ante a próxima convocatoria do concurso de traslados para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo Superior de Administración da Xunta de Galicia, escala superior de finanzas e do corpo de xestión da Xunta de Galicia, escala media de finanzas convócanos Función Pública a unha primeira reunión para o estudo do borrador das bases. A dita reunión terá lugar o xoves, 4 de xullo.

No DOG do 20/06/2013 publícase a Orde pola que se resolve o concurso para a provisión de postos de traballo vacantes das escalas de axentes de extensión pesqueira e do Servizo de Gardacostas de Galicia convocado pola Orde do 27 de xuño de 2012.

Debido a que existen postos adxudicados que están ocupados provisionalmente por persoal funcionario que superaron os últimos procesos selectivos convocados, para asegurar a continuidade na prestación de servizos, aprázanse as tomas de posesión nos destinos obtidos no concurso ata a data en que estes funcionarios elixan destino definitivo e poidan tomar posesión del. O cesamento efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes á publicación no Diario Oficial de Galicia da orde da Consellería de Facenda pola que se abra o prazo para tal efecto.

Os datos do concurso son os seguintes: 62 prazas ofertadas e 38 persoas admitidas; 21 prazas adxudicadas (19 na primeira fase e 2 en resultas).

Tal e como se avanzou na Mesa Xeral do martes, no DOG do 20/06/2013 publícase a resolución pola que se aproba a relación provisional de admitidos e excluídos do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia, convocado pola Orde do 20 de febreiro de 2013.

A lista de solicitantes admitidos atópase á disposición dos interesados pódese consultar desde a seguinte páxina web da Dirección Xeral de Función Pública. A lista de persoas excluídas vai como anexo da resolución.

As persoas solicitantes excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular, se é o caso, as alegacións pertinentes. As que dentro do prazo sinalado non emenden os defectos motivo de exclusión, serán definitivamente excluídos.

 

No DOG do 06/06/2013 sae publicada unha modificación da convocatoria do concurso de corpos xerais no que atinxe á valoración da titulación. Na base III.5.2 da convocatoria publicada no DOG do 26/02/2013 puntúabase a titulación académica de grao como 0,60 ou 0,80:

– Diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, grao ou equivalente: 0,60 puntos.

– Licenciado universitario, enxeñeiro, arquitecto, grao ou equivalente: 0,80 puntos.

Xa que logo, a CIG presentou un recurso potestativo solicitando a súa puntuación unívoca. O dito recurso foi estimado positivamente por resolución de 30 de abril da Dirección Xeral da Función Pública e agora publícase no DOG a modificación pertinente das bases,  co cal o grao terá unha puntuación única de 0,80.