Outro dos grandes defectos destas instrucións foi non definir claramente os días máximos aos que se podía acoller o traballador nesa “ausencia por enfermidade sen baixa médica”. No proxecto inicial figuraban 2 días pero finalmente Función Pública eliminou o número exacto destes días. Informalmente recoñecíase que podían ser 3 en base tamén á Orde do 3 de maio de 1984 da Consellaría de Presidencia sobre a xornada de traballo, vacacións e licenzas (DOG 17/05/1984). A dita orde, que segue en vigor, recolle que a presentación do parte de baixa será obrigatorio en todo caso a partir do 4º día de enfermidade e cada 15 días.

A pesar da nosa insistencia, Función Pública deixou finalmente o dito apartado das instrucións do seguinte xeito tan pouco claro e que daba pé a que cada servizo de persoal se convertese nun reino de taifas:

Sen prexuízo da obriga de comunicar inmediatamente a ausencia, nos casos de horarios especiais, traballo a quendas e outras circunstancias valorables polo órgano competente en materia de persoal, esixirase xustificación médica desde o momento no que se produza a ausencia.

No caso de que estas ausencias non sexan xustificadas, procederase a efectuar o correspondente desconto de retribucións, previa comunicación ao empregado público.

Aínda así o director xeral de Función Pública insistiu que menos de 3 días de ausencia xustificada por motivos médicos que non implicara a necesidade de baixa non ía provocar desconto nas retribucións. Porén, nin nas instrucións nin tan sequera na acta da Mesa Xeral recollían nada disto.

Finalmente, na Comisión de Persoal 4 de maio, no que se votaron as ditas instrucións, conseguimos que se recollese en acta a dita interpretación que non quixeron poñer nas instrucións:

A persoa representante da CIG pide a suspensión da aplicación da Lei 1/2012, e manifesta consideracións en relación as presentes instruccións no senso da inclusión das enfermidades crónicas, ITs derivadas do embarazo, solicita que conste en acta “que os tres primeiros dias de ausencia derivada de causa médica do punto sexto non se vai a aplicar o desconto que se aplica en caso de Incapacidade temporal” O director xeral da Función Pública matiza que esto se produciria so no caso de estar xustificada esa ausencia mediante un informe médico, descontándose en todo caso, se non hai xustificación da baixa

A partir de entón as instrucións foron aplicándose, comezamos xa a apreciar a mordida nas nosas nóminas cada vez que tiñamos unha enfermidade que implicaba unha baixa. Os servizos de persoal viron aumentar a burocracia neste tema e tamén algunha que outra reclamación en base a descontos mal aplicados que axudamos a tramitar desde os nosos locais.

Entre estes descontos mal aplicados atópase precisamente o problema de descontar cando hai unha ausencia xustificada sen baixa médica de menos de 3 días. Estes descontos fóra das instrucións fixeron que dirixiramos un escrito ao director xeral de Función Pública e ante a falta de resposta que sacaramos o tema na Comisión de Persoal do 23 de xullo.

O que pedimos é que se apliquen criterios similares con relación ao días de ausencia por motivos médicos que non xeren IT, xa que xa son dúas as  xefatura territoriais (Área de Cultura en Pontevedra e Traballo e Benestar na Coruña) que esixen que ao faltar un día por causa médica se presente parte de baixa ou senón proceden ao desconto de haberes.

De momento temos o compromiso da persoa responsable da Área de Cultura para a aplicar a todo o persoal por igual o mesmo criterio e que cursaría instruccións ás xefaturas territoriais para que así fose. Non había representante de Traballo e Benestar na última Comisión de Persoal polo que procedemos a presentar escrito a parte do toque que lle debería dar o director xeral de Función Pública.

Xa advertiramos que dada a pouca claridade destas instrucións e a pesar das palabras no seu momento do director xeral de Función Pública, podían provocarse estes problemas. Estamos demasiado acostumados a contemplar privilexios nesta Administración, moitos deles froito da desregulamentación ou da mala regulamentación, privilexios que resisten os recortes e que como empregadas e empregados públicos non debemos consentir. O que xa é o colmo é ter que soportar agora os “antiprivilexios” dunha aplicación particular dunha mala norma e, aínda por riba, pouco clara. Por nós, claro está, podían meter a súas tesoiras normativas de podar noutros sitios, precisamente nos sitios onde están os cartos e os privilexios e non sobre a clase traballadora.