Cómpre lembrar que para o 2014 hai 2 festividades de carácter estatal que coinciden en sábado. Consonte ás instrucións de vacacións, permisos e licenzas, habería que sumar 2 días adicionais por asuntos persoais a eses 4 recoñecidos agora no EBEP. Xa que logo, serían un total de 6 os días con cargo a este permiso os dispoñibles no 2014 para o persoal da Xunta de Galiza.

Os “moscosos” chámanse agora “montoros”

Durante o último trimestre deste ano estivo soando nos medios o ruxe-ruxe de que as traballadores e traballadores públicas ían ver recuperados os 6 “moscosos” de partida: primeiro que si, que non só sería para o persoal de Xustiza e ao final que concretouse nun só día. De novo, volvemos ver unha utilización política miserable dun dereito laboral, un dos máis pequenos pero tamén dos máis controvertidos publicamente.

Convén recordar que a orixe dos moscosos data de comezos dos anos 80 cando o Goberno socialista de Felipe González no canto de recuperar o poder adquisitivo do persoal das Administracións trocouno por varios días ao ano de libre disposición; uns días que, cómpre sinalar, non só un privilexio das traballadoras e traballadores públicos senón que aparecen recollidos en moitos convenios colectivos. Agora de novo, vemos outra utilización similar: no canto de devolvernos todo o que nos teñen roubado, desta volta para rescatar á banca, agasállanos polo Nadal con 1 moscoso adicional.

Contos de Nadal

Dese o ano 2010  tanto o poder adquisitivo do persoal das Administracións como os nosos dereitos teñen caído en picado. O recorte dos “moscosos” foi unha pequena parte de toda a ringleira dos recortes acumulados pola Lei de Medidas da Xunta e máis posteriormente polo RD 20/2012 do Estado.

Iso por non falar de todas as agresións que fixeron tanto os Gobernos do PP de Galiza e de Madrid contra os Servizos Públicos, diminuíndo os seus orzamentos, amortizando postos de traballo público e despedindo traballadoras e traballadores coas consecuencias dunha baixada de calidade, cando non desaparición do servizo, ou ben quedando en mans de organizacións ou empresas privadas afíns.

A equivalencia do moscoso para o persoal das Administracións sería como se o Estado español modificase a súa normativa para que 1 día o ano a Sanidade pública atendese as persoas sen pedirlle papeis ou ben que 1 día ao ano o acceso á Universidade pública fose de “portas abertas”, sen necesidade de pagar taxas. Aínda así, nestes casos habería un custo para as Administracións, cando no caso dos moscosos sáenlle absolutamente gratis xa que non se cubre a ausencia do persoal.

Como traballadoras e traballadores públicos, pero tamén como cidadáns, este ruín e envelenado agasallo de Nadal do ministro Montoro nin contenta nin vai parar a espiral de mobilizacións e protestas contra os sucesivos recortes do público en aras dos “mercados” e dos intereses privados que representan. Por outra banda, non nos están regalando nada, estannos devolvendo os céntimos da carteira que nos roubaron.