A política comunicativa do Goberno galego do Sr. Feijóo non é allea a este enfoque interesado e erróneo. En menos de 9 meses fixo ata 3 veces un uso propagandístico da implantación da flexibilidade e o teletraballo: en abril cando se inciaron as negoaciacións coas organizacións sindicais, en outubro cando concluíron e a comezos do 2014, cando realmente entra en vigor. Este uso propagandístico dos dereitos das traballadoras e traballadores públicos só contribúe a promover unha visión sesgada do persoal dos servizos públicos desde o conxunto da sociedade. Por outra banda, é utilizada polo Goberno da Xunta para contrarrestar a erosión política derivada do recorte de dereitos económicos (a Xunta é a única Administración Pública en Galiza que amputou as pagas extras de xuño e decembro do seu persoal).

O que evitan mencionar nesas novas aparecidas na prensa é que as grandes empresas privadas e outras Administracións Públicas como o Estado gozan en boa parte desde hai anos de flexibilidade horaria (ano 2005 no caso da Admón. central do Estado) e de plans para o teletraballo. Tamén se induce a equívoco respecto do alcance subxectivo destas medidas, dado que unha parte non desdeñable parte dos 17.000 traballadores e traballadoras da Xunta presta servizos en rexime de horario especial ou a quendas.

A Xunta dá a cifra de 17.000 empregados aos que lles sería de aplicación a flexibilidade horaria. Esta cifra obtense ao descontarlle ao número total de traballadores funcionarios e laborais da Administración xeral da Xunta o persoal de Administración que presta servizos en centros de ensino,sumándolle o persoal funcionario e laboral que presta servizos nos organismos autónomos, e sería referida ao primeiro semestre do 2013.
 
Á cifra redonda de 17.000 traballadores (en realidade 16.805) hai que restarlle 1.500 traballadores fixos e fixos-discontinuos do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), que non teñen dereito á flexibilidade horaria. O censo de persoal laboral de centros da Consellería de Traballo e Benestar é de case 4.000 persoas, principalmente en centros nos que non haberá flexibilidade horaria como residencias, escolas infantis, etc. Só con isto a cifra baixaría a 11.000. Tendo en conta, que en todas as consellarías hai centros e persoal que non traballa en edificios administrativos e que a cifra de funcionarios é de 9.201, é realista dar unha cifra de 8.000 persoas ás que se lle podería aplicar a flexibilidade: menos da metade da cifra de 17.000 persoas alardeada pola propaganda da Xunta.

Ademais, ao estar ligada ao sistema de control horario informático Kronos, que actualmente só está implantado en grandes edificio administrativos, todo o persoal de pequenas oficinas e dependencias periféricas sen control horario informático queda actualmente fóra da nova Orde de flexibilidade. Máis restrinxido aínda será o ámbito de aplicación do teletraballo, que será viable en realidade apenas nunha exigua minoría de postos de traballo na Administración que cumpran uns requisitos moi específicos, e ata certo punto discrecionais, establecidos no artigo 14 desta Orde.

En especial, o que evita mencionar a Xunta na propaganda coa que quere apaciguar o cabreo polo recorte na paga extra de decembro de 2013 é que, no ámbito da Xunta, a particularidade da flexibilidade chamada "automática" é que non se autorizará necesariamente con carácter xeral a todo o persoal, senón que poderá autorizarse ou denegarse discrecionalmente "por necesidades do servizo", o que en teoría abre a porta a prácticas clientelares e tratos de favor. Algo ao que xa estamos habituados na Xunta, por exemplo, coa autorización das comisións de servizo. Unhas prácticas clientelares que rompen o principio de igualdade non só nos dereitos das traballadoras e traballadores públicos, senón na garantía de independencia e imparcialidade coa que deben ser xestionados os dereitos da da cidadanía.