Con data 27 de decembro publícase no web da Xunta unha nota sobre a interpretación que fai a Dirección Xeral da Función Pública do goce fraccionado da excedencia por coidado de fillos/as e familiares. Nesta nota establece o tempo mínimo para o fraccionamento desta excedencia no período dun mes.

A pesar de que se lle denomine "aviso" a nota reviste a forma dunha regulamentación dun dereito das traballadoras e traballadores públicos. Esta regulamentación está baseada nunha interpretación unilateral que fai a Administración, non negociada no ámbito correspondente.

Ademais, esta regulación non se limita só a interpretar a norma senón que impón unha restrición clara de dereitos, como é a de establecer que “non se autorizará o reingreso nos períodos en que no exista actividade no centro de traballo onde se está a prestar servizos logo do informe da consellería de destino.”

Lonxe de ser unha aclaración, esa dirección xeral, desenvolve de xeito restritivo un dereito que segundo o artigo 37.1 da lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, é materia de negociación colectiva na Mesa Xeral. Está ben que a Xunta de Galiza dea tímidos pasos na transparencia publicando os criterios que utiliza na toma de certas decisións pero cando estas afectan as condicións laborais, teñen que ser negociadas e non impostas.

Xa que logo, a CIG vén de solicitar a convocatoria da Mesa Xeral de Empregados Públicos co fin de negociar unha regulación que afecta a un dereito de todas e todos os empregados públicos da Xunta de Galiza.