Non era sen tempo, achéganos a Administración o borrador das Instrucións de flexibilidade e teletraballo que desenvolve a ORDE do 20 de decembro de 2013, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na primeira e única reunión da comisión de seguimento da dita orde anunciárase que se remitirían unhas instrucións que solucionarían moitas dos problemas e dúbidas achegadas polas traballadoras e traballadores. A previsión era para a última semana de febreiro, porén, non chegou ata un mes despois. Agora a Administración danos de prazo ata o 1 de abril para presentar alegacións.

Desde a CIG vimos de solicitar por escrito unha ampliación do prazo para poder estudar e tratar en profundidade o documento (no que faltan os anexos). Por outra banda, insistimos na demanda dos datos de flexibilidade e teletraballo que non están achegando nos termos acordados. Por último, destacamos a necesidade de reunir a comisión de seguimento para analizar e decidir sobre as queixas e reclamacións formuladas polas traballadoras e traballadores.