Os exiguos datos e ocultación das denegacións

Nos últimos datos achegados por Función Pública (de comezos de mes de abril) denegan con carácter xeral as flexibilidades automáticas de todo horario especial, de quendas e máis cando a xente se nega a coller as chaves, ademais duns 4 casos nos que a xefatura territorial esixe presenza antes das 9:00h. Achegan unha listaxe de 26 denegacións de solicitude de flexibilidade automática, todas servizos periféricos (9 Ourense, 8 A Coruña, 5 Pontevedra, 3 Ferrol, 1 Vigo). Insistimos nas alegacións presentadas ás instrucións con relación a estes temas: 1)hai que mirar cada horario especial, non se pode denegar con carácter xeral e 2) non se pode cargar exclusivamente a responsabilidade de abrir ou pechar o centro sobre cada persoal traballador que queira flexibilizar o seu horario.

Non hai máis: nin denegacións de solicitudes de flexibilidade familiar, nin denegación de teletraballo, a pesar de que nos consta que as está habendo. Pola contra, da nota de prensa da Xunta podemos sacar 2 datos novos: aprobáronse 5.539 peticións de flexibilidade horaria, ben sexa na súa modalidade automática ou por conciliación e 28 solicitudes de teletraballo.

E este é todo o apoio á familia que tanto cacarexa o partido que goberna a Xunta e así é como o aplica de portas para adentro: nin sequera é capaz de respectar a lei de igualdade na conciliación familiar e está denegando o teletraballo en casos nos que podería ser aplicable, deixando a súa aplicación nalgo realmente residual sobre os 2000 potenciais postos de traballo.