Nese senso, a CIG foi a única organización sindical que se negou a participar no paripé da votación dun acordo que saíu adiante co voto favorable de CCOO, UGT e CSIF, e a través do cal o Partido Popular e o presidente Feijóo conseguiron o que buscaban: ter un bonito titular para os medios de comunicación co que lavar a súa faciana de cara ás vindeiras citas electorais. A CIG, como sindicato de clase traballadora, non vai ser copartícipe da campaña electoral do PP e primará por riba de todo os intereses das empregadas e empregados públicos galegos.

Non entendemos como nun momento en que a política do Partido Popular está marcada por levantar o pé do acelerador dos recortes, as outras organizacións sindicais non aproveiten para facer xunto coa CIG a presión necesaria para restaurar a totalidade dos dereitos roubados e se conforman aceptando, polas boas, unha parte do que o PP unilateralmente nos quitou, e unilateralmente pode e debe restituir.

Os cambios con respecto ao texto do borrador inicial son os seguintes:

  • Os días por asuntos particulares poderán acumularse aos días de vacacións que se poden gozar de forma independente.
  • O período de disfrute dos días referidos ao ano 2015 amplíase ata o día 30 de abril de 2016 e será de aplicación a todos os sectores.

A entrada en vigor será previsiblemente a semana que ven, unha vez sexa publicado no DOG.