Achegounos Función Pública un borrador dunha nova resolución pola que ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas, para que presentemos alegacións antes do venres 27 de novembro e posterior negociación.

O novo texto substitúe á anterior resolución publicada no DOG do 20/03/2013 e posterior adaptación á Lei do Emprego Público de Galiza de xullo do 2015, incorporando tamén a Resolución (DOG 19/10/2015) pola que recuperamos parte dos dereitos que nos roubaron (días de vacacións e asuntos propios por antigüidade).

As instrucións son de aplicación ao persoal funcionario de laboral da Xunta e dos entes instrumentais. No caso do persoal funcionario teremos que discutir o ámbito de aplicación pois hai conflito nalgún colectivo.

Respecto da regulación anterior, eliminan a posibilidade de gozar ata seis días de vacacións como se fosen dias de asuntos propios. Introducen os días de vacacións e asuntos persoais por antigüidade. A asistencia a “cursos de formación do persoal” non os consideran “probas definitivas de aptitude e probas selectivas no ámbito do emprego público”, polo que concederán o “tempo imprescindíbel”, non o día completo. Manteñen a penalización ás persoas que teñan flexibilidade familiar, no sentido de que teñen que recuperar o tempo usado para o cumprimento de deberes inescusables ou os deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral e máis a asistencia a consultas médicas.

A regulación é moito máis ampla que as liñas aquí narradas. Se queres aportar algo, estamos a túa disposición en autonomica@cigadmon.gal