Sindicatos e Administración levamos xa varias semanas negociando as instrucións de permisos, licenzas e vacacións para o persoal da Administración xeral. A cousa, que está moi avanzada, pasará polo derradeiro trámite da Comisión de Persoal o mércores 24 de febreiro. Durante ese tempo mudou algunha cousa. 

Unha das cousas que non mudou nada refírese ao persoal funcionario que presta servizo nas dependencias do SERGAS. Este persoal queda excluido das instrucións.

O artigo primeiro da Resolución de instrucións di literalmente: "Non se aplica ao [..] persoal que preste servizos nas institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia, que se rexerán nesta materia polas súas normas específicas". Esto é, que o persoal funcionario que presete servizos nas antigas direccións provinciais do SERGAS, agora integrados nas xerencias, así como aos poucos funcionarios e funcionarias que traballan en hospitais, tanto se son funcionarios de corpos xerais como se son funcionarios da lei 17 (funcionarios/as de escalas sanitarias), quedan excluidos desta normativa, pois a Administración entende que traballan en "institucións sanitarias", como xa nos teñen dito en varias ocasións.

Aplícaselles, logo, a súa "norma específica". Pero resulta que non existe tal norma específica e no seu lugar o que se lles aplica é o "Acordo de concertación social", un pacto asinado no ano 2001 entre o SERGAS e as persoas representantes do persoal estatutario, non pactado, xa que logo, coa representación elixida polo persoal funcionario. Vamos, como se aplicasen un acordo pactado dentro de Citroën.

Os dous documentos (resolución de instrucións e acordo de concertación social) son diferentes, e xa tivemos algún caso de conflito pola normativa a aplicar ao persoal funcionario.

A CIG non entende esta deixación de funcións. Estudaremos medidas xudiciais.

Editado o 24/02/2016: Función Pública finalmente aceptou a solicitude da CIG de engadir no ámbito de aplicación ao persoal funcionario que presta servizos no SERGAS. Deste xeito, xa non se lles aplicará o "Acordo de concertación social" asinado entre Sanidade e os sindicatos do persoal estatutariio no ano 2001.