As listas de contratación temporal, reguladas polo decreto 37/2006, recuperan un pouco de actividade coa sinatura do acordo que posibilita o chamamento por estas listas para a cobertura dos postos aos que renuncian os remudistas como consecuencia dun contrato de traballo a tempo parcial para completar a xornada dun traballador que accedeu á xubilación parcial anticipada.

Ata o día de onte, había que chamar ao Servizo Galego de Colocación para a cobertura do posto de traballo ao que renunciou o/a remudista contratado polas listas do decreto 37/2006, pero con este acordo, todas estas contratación sairán do decreto de listas agás que non existan.

Cando se negociaron estas instrucións, unha das alegacións da CIG foi a de que todos os chamamentos fosen a través do decreto de listas pero a Administración da Xunta non accedeu nese momento amparándose no limitado prazo de 10 días para proceder a súa comunicación ao INSS do novo contrato. 

A inmediatez da súa entrada en vigor é como consecuencia de varios chamamentos que hai que efectivizar en medio rural pola renuncia de remudistas.