Basta ter en conta que a propia Constitución española no seu artigo 39 recoñece tanto que as nais e pais deben prestar asistencia de todo orde as fillas e fillos durante a súa minoría de idade, como que os poderes públicos aseguren a protección integral da infancia. É dicir, configura este coidado e protección como unha obriga e un deber, tanto para as nais e pais, como para os poderes públicos que o deben favorecer.

E mesmo, o Código Civil, e así o ten en conta o Ministerio de Hacienda, recoñece que estando a filiación e a paternidade reguladas nos artigos 108 e seguintes do Código Civil, configúrase esta última como un deber que comporta unha serie de obrigas e que pode dar lugar a unha rendición de contas ante o Ministerio Fiscal ou a autoridade xudicial.

Igualmente, o artigo 110 do Código Civil, dispón que “o pai e a nai, aínda que non ostenten a patria potestade, están obrigados a velar polos seus fillos menores e prestarlles alimentos”.

Este deber inescusable de atender ás crianzas cando caen enfermas noutros estados da Unión Europea artéllase con permisos específicos de días de disposición que chegan a durar ata 2 meses ao ano ou ben poden ser asimilados a unha baixa laboral. No estado español, prefírese que se as crianzas estean enfermas e non poidan ir á escola, sexan outras persoas e non os propios proxenitores os que se encarguen do seu coidado (ver aquí en Galiza o propio Bono Coidado) pero non se poñen as ferramentas legais para que as nais e pais poidan atender estas continxencias e cumprir co seu deber legal, quedando en moitos casos como única solución a picaresca da persoa traballadora que ten que finxir a súa propia enfermidade.

De aí, que dende a CIG solicitemos que se reúna a comisión para actualizar os criterios sobre o que é un deber inescusable de carácter persoal. Trátase simplemente de recoller este criterio, actualizando a Resolución do 24 de febreiro de 2016, pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas e non de establecer un novo permiso, xa que este está recollido artigo 117 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza.

Cómpre destacar que este dereito é complementario coa flexibilidade laboral (artigo 106.4 da mesma lei) pero son substancialmente diferentes xa que un entraña a recuperación horaria e o outro non. Contra a crenza estendida, a flexibilidade horaria está encamiñada a reorganizar o horario por circunstancias habituais, cando se trata dunha circunstancia sobrevida e inescusable, están outro tipo de dereitos como o do 117.

O curioso é que esta Administración dirixida por un partido que fai da familia e do fomento da natalidade bandeira e que subvenciona á asociacións antiabortistas como Red Madre con máis de 500.000 euros nos últimos anos, non teña a mínima consideración co seu persoal, tanto no sentido de facer efectivo ese dereito, como no de rematar co agravio comparativo con respecto ao persoal público da Administración Xeral do Estado.

Outro exemplo máis de como a Xunta de Galiza está sempre na vangarda dos recortes ao seu persoal, coa lei de medidas ou o recorte no específico das pagas extras, pero na retagarda da aplicación dos dereitos ao seu persoal.