1. O art. 30 do V Convenio ten a seguinte redacción:

“Artigo 30º.-Incapacidade temporal.
En caso de baixa por IT ou situación de risco durante o embarazo, a Xunta de Galiza, a través da consellería correspondente, incrementará o subsidio económico da Seguridade Social ata acadar a contía igual á base de cotización do traballador do mes anterior a aquel en que se produza a baixa.
Nos centros de asistidos as situacións de incapacidade temporal derivadas de enfermidade común, enfermidade profesional, accidente de traballo, accidente non laboral ou maternidade, nas que a duración previsible sexa dun mes ou superior, cubriranse inmediatamente por contratos de interinidade de acordo co sistema de contratación temporal previsto no artigo 7.5º b) deste convenio, mentres dure esta situación.
Excepcionalmente e por necesidades do servizo, este límite poderá ser inferior. A duración do contrato de interinidade virá determinada pola ausencia do/a substituído/a e aquela será idéntica a esta, cesando o/a substituto/a ao terminar a dita situación, sen dereito a indemnización ningunha.

Non obstante o anterior, o réxime será o seguinte:

1. Ausencias por enfermidade común ou accidente non laboral de un a tres días de duración: seguirase o seguinte procedemento:

a) Ausencias dun día:
O persoal afectado comunicará a súa ausencia á unidade de persoal, órgano ou persoa responsable, preferentemente dentro da primeira hora de xornada, salvo causas de forza maior que impidan a comunicación e/ou xustificarase posteriormente cun informe dun facultativo médico. Sen prexuízo de que en casos de ausencias reiteradas se poida producir unha constatación dun feito que desvirtúe a causa alegada polo traballador/a. De non producirse a comunicación e/ou xustificación pertinente, descontarase dos haberes o día en que se faltou.

b) Ausencias de dous ou tres días:
Nestes casos, segundo o disposto na Orde do 19-6-1997 (BOE do 24 de xuño), deberase presentar o parte médico expedido polos servizos médicos oficiais no prazo de tres días, contados a partir da data de expedición do parte.
De non entregarse tal parte, descontaranse dos haberes os días en que se faltou. Poderase recorrer contra estas deducións perante a xurisdición laboral. En ambos os dous casos, a Xunta de Galicia poderá practicar as inspeccións médicas oportunas, segundo o disposto no artigo 20 do Estatuto dos traballadores.

2. Ausencias por accidente de traballo, enfermidade profesional, maternidade, enfermidade común e accidente non laboral, de máis de tres días de duración.

Nestes casos o/a traballador/a percibirá o 100% do seu salario ordinario desde o primeiro día de baixa e ata o termo da IT, sempre que se cumpran os requisitos exixidos na Orde do 19-6-1997.”

2. O artigo ten dúas partes diferenciadas. Na primeira –que se encontra suspendida– regula o complemento, por parte da empresa, ata acadar o 100% do salario. A segunda é a que estabelece o réxime de ausencia por enfermidade.

Para estes efectos, a norma distingue entre:

  • Ausencias de 1 día.
  • Ausencias de 2 ou 3 días.
  • Ausencias de máis de 3 días.

Para as ausencias de 1 día, a xustificación requirida é o informe dun facultativo médico. A norma non esixe que sexa do servizo público de saúde.

Para as ausencias de 2 ou 3 días, a ausencia deberá xustificarse cun informe ou parte médico emitido polos servizos médicos oficiais; isto é dicir, por facultativos médicos do servizo público de saúde).

Obsérvese que a Orde do 19 de xuño 1997 (disposición actualmente derrogada pola Orde ESS/1187/2015, de 15 de xuño) refírese sempre, para referirse a incapacidade temporal como parte de baixa de incapacidade temporal.

En alínea separada (o parágrafo 2) é onde artigo utiliza por primeira vez a expresión IT (incapacidade temporal), para referirse ás ausencias por accidente de traballo, enfermidade profesional, maternidade, enfermidade común e accidente non laboral de máis de 3 días de duración.

Neste sentido, a norma convencional quixo distinguir, para os efectos da súa xustificación, entre as ausencias de 1 a 3 días, para as cales é suficiente un informe ou xustificante médico de repouso, e as ausencias de máis de 3 días, para as cales se require un parte de baixa de incapacidade temporal. Esta interpretación non só é a máis axustada ao texto da norma –art. 3 do Código civil–, senón que é a que se vén aplicando pacificamente nas restantes consellarías.

Para alén da interpretación da concreta norma convencional que nos ocupa, cómpre salientar que esta mesma solución é habitual en moitos outros convenios colectivos, tanto do sector público como do privado. Pódese citar, neste sentido, a sentenza da Audiencia Nacional do 19 de xuño de 2017 (CCO 138/2017), relativa á empresa Tragsatec.

CONCLUSIÓN:

O artigo 30 do V Convenio distingue entre os medios de xustificación das ausencias de 1 a 3 días –informe médico de repouso- e das de duración superior a 3 días –parte médico de incapacidade temporal–, polo que a práctica seguida pola Consellaría de Política Social e do Consorcio Galego de Igualdade é contraria á regulación convencional.