A Consellería de Medio Rural está a enviar estes días escritos polo que se modifica, polas boas, os horarios flexibles por conciliacicón familiar ao persoal das Oficinas Agrarias Comarcais.

Segundo a información que temos, estarían a chegar os escritos ao persoal técnico (veterinarios/as e enxeñeiros/as tec. agrícolas), baseándose en que estas oficinas teñen un carácter de oficina de rexistro e atención ao público.

O caso é que, segundo se desprende da notificación, ou asinan a modificación que lles propoñen (de 09:00 a 14:00) ou lles revogan o horario por conciliación familiar.

A modificación no caso da flexibilidade familiar ten que estar debidamente motivada e máis robustecida ca no caso da flexibilidade 'automática'; a flexibilidade familiar é un dereito recoñecido na lexislación de emprego público de Galiza a través da lei de igualdade. Esa motivación de modificación ha de estar singularizada e non pode ser baseada en función das xenéricas necesidades do servizo senón en función das tarefas do posto e estudando o resto de recursos humanos dispoñibles. Motivar insuficientemente faría a resolución arbitraria e nula. Hai un procedemento e uns prazos, que teñen q respectar, ademais.

Certo é que, en último caso, mandan as necesidades do servizo, pero hai que concretalas. E se eses postos non fan atención pública nin traballos suxeitos a un horario fixo, esa resolución decae nun xulgado. Por nin falar que habería que facer un estudo do cadro de persoal, cargas de traballo, condicións familiares e reparto de tarefas; non ten sentido obrigar a estar de 9 a 14 h a todo o mundo se hai xente que para esas concretas tarefas non ten flexibilidade familiar e xa vai estar de 9 a 14 h.

Nos casos de flexibilidade familiar as dinámicas da xurisprudencia están sendo bastante favorables. Non sabemos porque se meten neses xardíns que ademais poden ter consecuencias de desgaste político para o Goberno da Administración que as aplica.