Dereitos, deberes, permisos, excedencias..

Función Pública vén de publicar un pequeno aviso titulado: "Instrucións das tomas de posesión e cesamento do concurso de administración xeral e das adxudicacións definitivas do persoal de novo ingreso". Nas ditas instrucións faise máis fincapé nos efectos do cambio de posto na flexibilidade que noutra cousa. En concreto, e con carácter xeral, aclara Función Pública que no novo posto non será necersario facer unha nova solicitude/comunicación da flexibilidade, "sen prexuízo da súa revisión por necesidades do servizo".

Outra cousa son as persoas que, no caso da flexibilidade familiar, se atopan aínda sen resolución, polo que ao cambiar de posto terán que volver a inciala. No caso do teletraballo, e que teñamos constancia, aínda non hai ningunha resolución favorable nin desfavorable.

Para outros aspectos do cesamento e toma de posesión poden resultar de axuda as instrucións que no seu día publicaron no caso do concurso de corpos especiais. Unhas instrucións nas que si se obrigaba ás persoas que cambiaban de posto, en todo caso, a cursar nova solicitude tanto da flexibilidade horaria.

 NOTA: Ampliado o prazo para presentar alegacións ata o 4 de abril.

Non era sen tempo, achéganos a Administración o borrador das Instrucións de flexibilidade e teletraballo que desenvolve a ORDE do 20 de decembro de 2013, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na primeira e única reunión da comisión de seguimento da dita orde anunciárase que se remitirían unhas instrucións que solucionarían moitas dos problemas e dúbidas achegadas polas traballadoras e traballadores. A previsión era para a última semana de febreiro, porén, non chegou ata un mes despois. Agora a Administración danos de prazo ata o 1 de abril para presentar alegacións.

Desde a CIG vimos de solicitar por escrito unha ampliación do prazo para poder estudar e tratar en profundidade o documento (no que faltan os anexos). Por outra banda, insistimos na demanda dos datos de flexibilidade e teletraballo que non están achegando nos termos acordados. Por último, destacamos a necesidade de reunir a comisión de seguimento para analizar e decidir sobre as queixas e reclamacións formuladas polas traballadoras e traballadores.

Pasaron xa eses 2 anos aos que facía referencia a disposción derradeira da lei de medidas que instaba a súa revisión en función da melloría da situación económica, unha melloría da que Feijóo leva presumindo durante o último ano.

O  comité intercentros do persoal laboral, de acordo co decidido polo pleno ordinario do 18/03/2014, achegou escritos á Presidencia do Governo e a conselleira de Facenda nos que pide o levantamento da suspensión dos artigos do V convenio colectivo (o 19, o 29, 0 34.2 e a disposición adicional terceira)  establecidos no art. 6 da Lei 1/2012 , do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da comunidade autónoma de Galiza.

Tamén se pediu o levantamento da suspensión da disposición adicional décimo sexta pola que se suspende para este ano a aplicación do art. 19 do V convenio

De acordo co art. 76.1.a) do Decreto lexislativo 1/2008 polo que se aproba o texto refundido da Lei da Función Pública de Galicia (LFPG), os empregados públicos teñen o seguinte permiso: "Polo falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, tres días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e cinco días hábiles cando sexa en distinta localidade."

Este permiso está desenvolvido polo apartado Sexto da Resolución da Dirección Xeral da Función Pública de 12 de marzo de 2013 pola que se ditan Instrucións sobre o rexime de vacacións, permisos e licenzas (DOG do 20/03/2013), no que se dispón o seguinte:

 1. Os días en que se faga uso deste permiso deberán ser en todo caso inmediatamente posteriores ao feito causante, e computarase o día do falecemento, accidente ou enfermidade cando o funcionario ou funcionaria non preste servizos ese día, e lle correspondería prestalos. Así mesmo, estes días deberán ser consecutivos no caso de falecemento, e poderán desfrutarse de forma descontinua no caso de enfermidade ou accidente mentres persista o feito causante e ata o máximo de días establecido.

2. Para os efectos do desfrute deste permiso, considéranse días hábiles os sábados e tomarase como referencia para o cómputo dos prazos na mesma ou en distinta localidade o lugar de residencia habitual do funcionario.

3. Se durante o desfrute do permiso por accidente ou enfermidade grave do familiar, sobrevén o falecemento deste, suspenderase o permiso que se viña disfrutando e iniciarase o cómputo dun novo permiso.

Desde a CIG-Autonómica estamos a detectar que algúns departamentos como a Consellaría de Traballo e Benestar están a aplicar unha interpretación restritiva da posibilidade de gozo discontinuo do permiso por enfermidade grave de familiar, no sentido de esixir aos traballadores e traballadoras co horario xeral da Xunta (de 7.45 h a 15.15 h de luns a venres) que computen os sábados como días laborables cando exercitan este permiso un venres seguido dun luns.

Resulta a todas luces evidente que esta interpretación da Consellería de Traballo e Benestar baleira de contido a previsión da disposición Sexta das Instrucións de vacacións, permisos e licenzas, ao impedir de feito o gozo discontinuo do permiso por enfermidade grave de familiar, cando dous dos días do permiso son un venres e un luns, xa que nese caso impón aos traballadores a obrigatoriedade do gozo continuado. 

Por outra banda, a esixencia de xustificación dos sábados no suposto dun permiso exercitable en días discontinuos implica un agravio comparativo en prexuízo dos traballadores e traballadoras que prestan servizo no horario xeral da Xunta de luns a venres, xa que na práctica se lles estaría a obrigar a computar como días laborables os sábados para os efectos do exercicio dun permiso no que as Instrucións prevén a posibilidade de gozo discontinuo.    

Por estes motivos, a CIG-Autonómica vén de solicitarlle unha entrevista á Dirección Xeral da Función Pública, en aras de demandar que en todas as consellerías se autorice o gozo discontinuo do permiso por enfermidade grave de familiar.

Descargar o escrito dirixido pola CIG á Dirección Xeral da Función Pública

A CIG vén de se dirixir á Dirección Xeral da Función Pública, en relación coa aplicación do rexime de vacacións, permisos e licenzas do persoal da Xunta de Galiza ao persoal laboral e funcionario da Administración xeral que pasou recentemente a depender das Xerencias do SERGAS.

Dados os problemas que se están a detectar para o gozo de vacacións por semanas, ou a aplicación da xornada de verán ao persoal dependente das Xerencias do SERGAS, a CIG demanda que se apliquen os permisos, licenzas e vacacacións nos mesmos termos que ao resto do persoal da Administración xeral.

Descargar o escrito dirixido pola CIG á Dirección Xeral da Función Pública

O pasado 21 de febreiro constituíuse a comisión de seguimento da Orde de Flexibilidade e Teletraballo. En contrario ás intencións da CIG, esta reunión serviu pouco máis que para ofrecer datos de implantación da flexibilidade e teletraballo e para anunciar o vindeiro envío dunhas instrucións de desenvolvemento da orde.

A CIG levaba varias queixas e suxestións de mellora da orde xunto cunha morea de dúbidas achegadas polas traballadoras e traballadores pero non puidemos tratar todas polo miúdo porque pediron que non entraramos en detalles. Para iso remítennos a vindeira reunión e a unhas futuras instrucións que din que solucionará moitas das dúbidas e problemas actuais, entre os cales a Administración puxo o exemplo das persoas con xornada de tarde.

Constitución da comisión e fluxo de información

En canto á propia comisión de seguimento, a CIG expón que a súa finalidade non debe ser entregar datos á representación sindical dado que a achega de información poderíana ter solucionado máis eficientemente a través, por exemplo, do correo electrónico. Solicitamos que para as vindeiras convocatorias se dea pé a presentar puntos para tratar na orde do día desta comisión e non como desta volta que ía sen contido.

O director xeral da Función Pública vén de convocarnos para venres, 21 de febreiro ás 12:00h, a unha xuntanza que terá por obxecto a constitución da Comisión de seguimento da Orde de flexibilidade e teletraballo. A consitución da dita comisión de seguimento fora solicitada en varias ocasións pola CIG para solucionar varias das incidencias postas en coñecemento da Administración.

Para máis inri, a Administración sacou xa até tres notas de prensa sobre a flexibilidade e teletraballo, facendo un uso propagandístico dos nosos dereitos co obxecto de contrarrestar a erosión política derivada do recorte de dereitos económicos. Porén, este uso só ten provocado máis cabreo das traballadoras e traballadores públicos e un aumento da visión sesgada da sociedade do persoal dos servizos públicos.

Unha vez máis, desta vez a través do rotativo "El Correo Gallego" do 29/01/2014", as empregadas e empregados públicos da Xunta vimos de ter coñecemento do grao de implantación da xornada flexible, da que xa estarían a facer uso máis de 2.600 persoas.

En contraste con este interese da Xunta en explotar politicamente a implantación da flexibilidade horaria nos medios de prensa, a representación sindical do persoal da Administración autonómica continúa sen recibir ningún tipo de datos nin información ao respecto.

Por mor dos problemas de aplicación que teñen xurdido en certos departamentos desde a entrada en vigor da Orde, especialmente os atrancos á flexibilización horaria por motivos de conciliación familiar, a CIG-Autonómica solicitou o 14 de xaneiro de 2014 a Comisión de Seguimento prevista na Orde do 20 de decembro de 2013 (DOG 31/12/2013) pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na Comisión de Persoal do 20/01/2014, a Administración asegurou que a Comisión de Seguimento constituiríase a primeira semana de febreiro. Porén, cando xa está a punto de rematar xaneiro, continúa sen haber nin convocatoria formal da dita comisión, nin tampouco comunicación de información ás organizacións sindicais. Información que, por contra, continuamente está a aparecer publicada nos medios de prensa, nun continuo goteo de datos que a Administración teima en empregar como propaganda. Propaganda na que, ademais de se omitir que a Administración está a obstaculizar a flexibilización horaria por conciliación familiar, ténselle dado nos medios un tratamento de suposto "privilexio" á flexibilización horaria do persoal da Xunta de Galiza. 

 

Convocamos a afiliación a unha xuntanza de traballo co fin de elaborar o que vai a ser a proposta da Confederación Intersindical Galega do Regulamento da escala de Axentes Facultativos Medioambientais da Xunta de Galicia.

A túa presenza e de gran importancia  xa que, como sabes, é o marco regulador das condicións de traballo, ademais de estrutura, especialidade, categorías, saúde laboral, segunda actividade, funcións, dereitos e deberes, acceso…da escala de axentes facultativos medioambientais.

DATAS E HORARIOS DAS ASAMBLEAS:

  • PONTEVEDRA: Edificio Administrativo. O vindeiro mércores 29 de xaneiro ás 11:00 h.
  • A CORUÑA: Local da CIG en San Lázaro(fronte hotel Porta do Camiño), xoves 30 de xaneiro ás 16:30 h.
  • OURENSE: Local da CIG, Parque de San Lázaro nº 12, 4ª andar, mércores 5  de febreiro ás 11 h.
  • LUGO: data aínda non confirmada
En relación á sentenza que recoñece o dereito aos días de vacacións por antigüidade, e ante as preguntas que xa recibimos, cómpre informar que a demanda foi presentada a través dun delegado da CIG-Autonómica de Ferrol, no ámbito territorial da provincia da Coruña, pero tamén están presentadas demandas para outros ámbitos territoriais.
 
As demandas foron presentadas en distintos ámbitos territoriais e en distintos xulgados para explorar a súa viabilidade. En calquera caso, a primeira sentenza que saiu foi estimatoria, pero ainda non é firme polo que non cabe a extensión dos seus efectos.

Nestes momentos, cómpre agardar polo resto das demandas presentadas noutros ámbitos territoriais, así como á firmeza das sentenzas. A intención da CIG é contar con sentenzas firmes de xeit que a Administración recoñeza o dereito vía negociación.