Dereitos, deberes, permisos, excedencias..

A CIG solicitou a constitución da comisión de seguimento fixada pola disposición adicional 2ª da orde de flexibilidade e teletraballo, pois xa aos poucos días da posta en marcha da nova regulación, existen numerosos incidentes.

- A posta en marcha da nova regulación da flexibilidade familiar podería entrar en colisión co artigo 44 da Lei 7/2004 para a igualdade de mulleres e homes, en canto que esta última di que se establecerá “o máis amplo horario de referencia posible”, mentres que a nova orde é restritiva ao non permitir máis aló das 20 h e nada dos venres pola tarde. Inclusive nalgunha unidade pretenden que o horario de referencia produza rixidez para cada día da semana unha vez aprobado.

- Temos advertencias dalgunha unidade que afirma que non van poder autorizar a flexibilidade a todo o mundo. Que criterios van establecer os/as responsábeis da Administración para decidir?

A CIG vén de ter coñecemento dos primeiros datos da implantación da flexibilidade horaria e o teletraballo a través da edición do "La Voz de Galicia" do 16/01/2014: a día de hoxe, terían solicitado a flexibilidade un total de 3.704 persoas, o que na nova se cifra como un 22,1% do total de empregadas e empregadas públicos que son beneficiarios potenciais desta figura.

O texto da nova publicada non se priva de cualificar como "privilexio" das empregadas e empregados públicos da Xunta o feito de que exista unha normativa sobre flexibilidade horaria: unha maneira pouco disimulada de continuar a presentar o persoal dos servizos públicos como causante ou responsable da depresión económica que está a vivir o conxunto da sociedade.

Mesturando información con xuízos de valor, a nova de "La Voz" acompaña a construción do relato sobre as causas da crise que lles interesa ás oligarquías económicas: a culpa da crise da débeda é dos servizos públicos, vívese por encima das posibilidades, etc.

Nese relato parcial e interesado, "La Voz" (ao igual que outros medios) cóidanse de valorar ante os lectores do xornal, por exemplo, a circunstancia de que o persoal dos servizos públicos da Xunta só estean a cobrar unha parte das pagas extra de xuño e decembro, ou as cifras de redución de emprego público desde a chegada da crise.

Por último, na parte que lle toca á Administración, como fonte do datos sobre solicitudes de flexibilidade horaria a día de hoxe, cómpre rexeitar que sistematicamente se estea a facer un uso político mediático, proporcionándolle as información á prensa antes que aos representantes das traballadoras e traballadores da Xunta.

Ligazón á nova en "La Voz de Galicia" do 16/01/2014

Con data 27 de decembro publícase no web da Xunta unha nota sobre a interpretación que fai a Dirección Xeral da Función Pública do goce fraccionado da excedencia por coidado de fillos/as e familiares. Nesta nota establece o tempo mínimo para o fraccionamento desta excedencia no período dun mes.

A pesar de que se lle denomine "aviso" a nota reviste a forma dunha regulamentación dun dereito das traballadoras e traballadores públicos. Esta regulamentación está baseada nunha interpretación unilateral que fai a Administración, non negociada no ámbito correspondente.

Ademais, esta regulación non se limita só a interpretar a norma senón que impón unha restrición clara de dereitos, como é a de establecer que “non se autorizará o reingreso nos períodos en que no exista actividade no centro de traballo onde se está a prestar servizos logo do informe da consellería de destino.”

Lonxe de ser unha aclaración, esa dirección xeral, desenvolve de xeito restritivo un dereito que segundo o artigo 37.1 da lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, é materia de negociación colectiva na Mesa Xeral. Está ben que a Xunta de Galiza dea tímidos pasos na transparencia publicando os criterios que utiliza na toma de certas decisións pero cando estas afectan as condicións laborais, teñen que ser negociadas e non impostas.

Xa que logo, a CIG vén de solicitar a convocatoria da Mesa Xeral de Empregados Públicos co fin de negociar unha regulación que afecta a un dereito de todas e todos os empregados públicos da Xunta de Galiza.

A CIG vén de solicitar a constitución e reunión da Comisión de Seguemento establecida na disposición adicional 2ª da Orde que regulamanenta a flexibilidade e teletraballo fundamentado en diversas problemáticas detectadas no escaso tempo da súa posta en funcionamento.

Con data do 31/12/2013 publicouse no DOG a Orde pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita orde entrou en vigor o día 2 de xaneiro e desde entón foron moitas as solicitudes de flexibilización en tan pouco tempo (900 nas primeiras 8h segundo datos difundidos pola Xunta á prensa).

Recén comezado o novo ano, as traballadoras e traballadores da Xunta atopámonos con titulares e mencións en prensa sobre a entrada e vigor da Orde sobre flexibilidade horaria e teletraballo, publicada no DOG do 31/12/2013, logo de modificarse o artigo 6.3.1 grazas a unha reclamación presentada pola CIG, que acadou que se retirase a esixencia de xustificar circunstancias particulares para poder gozar da flexibilidade por conciliación familiar.

Na tónica lamentablemente habitual ao informar nos grandes medios de comunicación sobre as condicións de traballo do persoal dos servizos públicos, está a tratarse a implantación da flexibilidade e o teletraballo na nosa Administración como se fose a adquisición dunha prebenda ou privilexio. Tamén se está a informar como se esta implantación fose xeneralizada a todo o persoal.

A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa vén de confirmarnos que o 31 de decembro sairá publicada no DOG a Orde de xornada laboral, flexibilidade e teletraballo co obxecto de que poida entrar en vigor o 2 de xaneiro de 2014, consonte ao previsto.

A dita orde contén unha modificación substancial respecto ao que saiu da Comisión de Persoal. Na dita modificación substancial elimínase o hipotético establecemento dun horario de presenza obrigada no caso da flexibilización por motivos familiares pois, tal e como sinalou a CIG, contraviña o disposto na Lei 7/2004 de Igualdade. A demora da publicación da dita orde estaba causando inquietuede entre o persoal. Segundo informou a dirección xeral a dita demora debeuse a cuestións formais do informe da Asesoría Xurídica.

Comunícanos o director xeral da función pública que o cuarto día de asuntos persoais, correspondente ao ano 2013, poderá desfrutarse ata o 31 de marzo do 2014. A CIG solicitou a Función Pública que modifiquen o PORTAX e, no caso de non ser inmediato, a que curse instrucións ás distintas secretarias xerais, xefaturas territoriais, etc, coas novas instrucións para que se poida facer efectivo o dereito aínda sen estar recollido na citada aplicación informática.

Por coincidir un festivo estatal en sábado, no ano 2013 tiñamos un día de asuntos propios a maiores (3+1). Será este novo cuarto día (4+1) o que se poderá disfrutar ata o 31 de marzo.

A que segue é a transcrición literal da comunicación de función pública: 

O artigo 76.3 do Decreto lexislativo 1/2008, de 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galiza, modificado pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias de emprego público da Comunicade Autónoma de Galicia, establece que "poderase dispoñer dos días ao ano que estableza a lexislación básica do Estado, como  máximo, de permiso para asuntos persoais sen xustificación, atendendo sempre ás necesidades do servizo".

Non nos están a regar nada, estannos devolvendo os céntimos da carteira que nos roubaron

NO BOE do sábado, 21 de decembro de 2013, publicase a Lei Orgánica 9/2013, de control da débeda comercial no sector pública. Nesta lei inclúese, na súa disposición adicional 4ª, unha modificación lexislativa no EBEP que recolle que, a partir do 22 de decembro, serán 4 os días por asuntos persoais os que terán, con carácter básico, todas as traballadoras e traballadores públicas afectados por esta norma.

Xa que logo, este día adicional de asuntos persoais pode gozarse con cargo ao 2013. A CIG púxose en contacto con director xeral de Función Pública solicitando unha ampliación do período para o seu goce, que actualmente remata o 31 de xaneiro do seguinte ano. Segundo información do director xeral, antes de final de ano van sacar unha breve instrución sobre este tema na que contemplan a ampliación deste prazo.

Nestes días os laborais da Xunta foron bombardeados cun panfleto onde se recoñece que os recortes non só os practica a nosa empresa, a Administración Autonómica da Xunta de Galiza, senón que tamén hai unha organización sindical que recoñece abertamente o seu dereito a recortarnos.

O V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta, plenamente vixente, foi cercenado brutalmente pola Lei 1/2012 de medidas do emprego público e polo Real Decreto Lei 20/2012 de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e o fomento da competitividade.

Estas dúas disposicións suspenderon o noso dereito ao goce dos días adicionais por antigüidade -tanto para vacacións como para asuntos propios-, suspenderon aqueles acordos que fosen máis alá dos 22 días hábiles de vacacións -ex. 30 días hábiles de vacacións cando o seu goce non puidese ser no período estival-, fixaron en 3 os días anuais de libre disposición....

O pasado 05/07/2013 foi asinado polo comité intercentros e a Dirección Xeral da Función Pública o acordo para a aplicación do réxime de vacacións, permisos e licenzas do persoal funcionario e que, entre outras melloras, recolle o dereito ao incremento dun libre disposición por cada un dos festivos que coincidan en sábado.

Publicado este acordo, a indecencia da Subdirección Xeral de persoal da Consellaría plasmouse coa emisión dunha circular na que lle negaba aos traballadores dos centros dependentes de Traballo o dereito ao 4ª día de asuntos propios en compensación do festivo 12 de outubro que caeu en sábado. Traballo intentou enredar ameazando con retirar un festivo da carteleira a cambio de conceder o 4º libre disposición xa que non podía asumir o custo económico que representaría un día máis de libre disposición.