Dereitos, deberes, permisos, excedencias..

Nestes días os laborais da Xunta foron bombardeados cun panfleto onde se recoñece que os recortes non só os practica a nosa empresa, a Administración Autonómica da Xunta de Galiza, senón que tamén hai unha organización sindical que recoñece abertamente o seu dereito a recortarnos.

O V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta, plenamente vixente, foi cercenado brutalmente pola Lei 1/2012 de medidas do emprego público e polo Real Decreto Lei 20/2012 de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e o fomento da competitividade.

Estas dúas disposicións suspenderon o noso dereito ao goce dos días adicionais por antigüidade -tanto para vacacións como para asuntos propios-, suspenderon aqueles acordos que fosen máis alá dos 22 días hábiles de vacacións -ex. 30 días hábiles de vacacións cando o seu goce non puidese ser no período estival-, fixaron en 3 os días anuais de libre disposición....

O pasado 05/07/2013 foi asinado polo comité intercentros e a Dirección Xeral da Función Pública o acordo para a aplicación do réxime de vacacións, permisos e licenzas do persoal funcionario e que, entre outras melloras, recolle o dereito ao incremento dun libre disposición por cada un dos festivos que coincidan en sábado.

Publicado este acordo, a indecencia da Subdirección Xeral de persoal da Consellaría plasmouse coa emisión dunha circular na que lle negaba aos traballadores dos centros dependentes de Traballo o dereito ao 4ª día de asuntos propios en compensación do festivo 12 de outubro que caeu en sábado. Traballo intentou enredar ameazando con retirar un festivo da carteleira a cambio de conceder o 4º libre disposición xa que non podía asumir o custo económico que representaría un día máis de libre disposición.

Na Mesa Xeral de Negociación do luns 7 de outubro tratouse, entre outros, a Orde de flexibilización, horario e teletraballo. Dende a CIG reprobamos a utilización política desta cuestión por parte do Presidente da Xunta. Un borrador que se está a negociar e que ata que non pase pola Mesa Xeral e pola Comisión de Persoal non debe aprobarse polo Consello de Goberno da Xunta, se trata no mesmo para ter unha arma que utilizar contra os recortes.

Para tratar de frear as mobilizacións e atallar o malestar cada vez maior polos recortes o Partido Popular non ten outra ocorrencia que ampararse nunha orde que só vai traer beneficios aos "funcionarios". E para iso tratan de facerlle ver á cidadanía que os funcionarios "van poder traballar dende casa". O teletraballo, que vai destinado a corpos e escalas moi concretas e que non afectará a máis de 500 efectivos potenciais se vende como unha mellora para os empregados públicos destinada a poñernos ao pé dos cabalos ante a cidadanía.

Achega a Administración a convocatoria da Mesa Xeral do luns onde irá o borrador da Orde de xornada laboral, flexibilidade e teletraballo e está previsto levalo á Comisión de Persoal do vindeiro venres. Non entendemos a que vén tanta presa cando meten como novidade que esta orde entrará en vigor no 2014 e non trala publicación no DOG como nos tiñan comunicado.

A negociación desta Orde comezou aló por abril deste ano se ben cando entrou o Kronos se nos dixera que entraría en funcionamento a flexibilidade e teletraballo en outono de 2011. Desde aquela a CIG pelexou por que se puxera en marcha a negociación deste proceso en igualdade con outras Administracións para conquerir unha flexibilización automática.

Por parte da Administración, achegouse o 25/09/2013 un novo borrador de orde de flexibilidade e teletraballo, cos seguintes cambios respecto da proposta anterior:

- Suprimen a cualificación de "intensiva" no artigo 5.3
- Engaden a consulta aos órganos de representación no caso das flexibilizacións por conciliación familiar
- Amplían o marco horario da flexibilidade excepcional: nos edificios que permanezan abertos a esas horas, sería desde as 7.00 h até as 20.00 h.
- Engaden o traslado de información ás OOSS sobre as flexibilizacións autorizadas e denegadas. Así mesmo, inclúen a obriga de lle comunicar ás OOSS as solicitudes de teletraballo autorizadas e denegadas, tal e como lles demandabamos.
- No caso de cesamento ou suspensión da flexibilidade por razóns do servizo, inclúen que a Admón. deberá comunicarllo ao traballador cun mínimo de 7 días naturais de antelación
- No teletraballo, só limita a concatenación de xornadas consecutivas non presenciais se así o demanda a unidade na que estea destinado o teletraballador. 
- Inclúen unha disposicións transitoria segunda que faría permanente o horario de verán, sen necesidade de que teña que ser negociado cada ano como na actualidade.

Desde a CIG recoñecemento que existen avances importantes, pero seguimos considerando demasiado amplia a parte fixa do horario (de 8.30 a 14.30), tendo en conta ademais que a flexibilidade pode ser denegada por razóns do servizo.

Descargar o rascuño de Orde sobre flexibilidade horaria e teletraballo do 26/09/2013

O pasado 27/03/2013 foi asinado o acordo para o acceso á xubilación parcial anticipada e o contrato de remuda coa publicación no DOG de 30/04/2013; posteriormente, en 21/06/2013, foron acordadas as instrucións que permiten a acumulación das xornadas de traballo resultantes da xubilación parcial.

As  Consellarías foron informadas dos procesos  e das actuacións a seguir para resolver  as solicitudes de xubilación; incluso se lles facilitaron os modelos de contrato a tempo parcial que deberán formalizar tanto ao xubilado parcial como ao de remuda e as súas cláusulas contractuais.

Á volta das vacacións e cando dabamos por feito que xa houbese un feixe de xubilacións parciais, vemos que non hai ningunha concedida a pesares da chea de peticións rexistradas.

A última xuntanza para negociar a nova Orde de flexibilidade horaria e teletraballo tivo lugar o 4 de setembro. Dous días despois (o 6 de setembro), a CIG presentou novas alegacións. Logo de transcorrer dúas semanas, seguimos a agardar por un novo texto e unha nova xuntanza.

Tendo en conta que xa rematou o horario de verán e que o Kronos está implantado na maioría dos grandes edificios administrativos, desde a CIG estamos a demandar que se reanuden coa maior brevidade as negociacións para a implantación da xornada flexible e do teletraballo, incidindo en adoptar as solucións máis favorables para a conciliación da vida laboral e familiar de todo o persoal da Xunta.

Rematou o horario de verán naqueles centros de traballo que o tiñan, e seguimos sen novas da futura normativa que regulará o horario e a flexibilidade horaria. O último que temos é a documentación e información da xuntanza que tivemos o día 4 de setembro cos directores xerais de Función Pública e de Avaliación e Reforma Administrativa. Posteriormente, o venres 6, remitimos alegacións, e non tivemos máis información.

Venderon a cousa ao persoal e aos medios de comunicación de que na Xunta iamos ter flexibilidade e teletraballo que favorecería a conciliación da vida laboral e familiar. Pero ata agora, todo e fume. Así que teóricamente, o horario ordinario é de 7:45 a 15:15. Este horario tamén é para os xefes, que non te conten historias.

A Dirección Xeral da Función Pública achegounos a súa interpretación do permiso de lactación regulado do artigo 48.1.f) da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Emprgado Público e o artigo 76.1.e) do Decreto lexislativo 1/2008 do 13 de marzo polo que se aproba o texto refundido da Lei da Función Pública de Galiza, unha vez que realizaron consulta ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e emitido informe pola Comisión Superior de Persoal:

1º.- O permiso de lactación pode ser exercido indistintamente polo funcionario ou pola funcionaria, con independencia de que o outro proxenitor traballe ou non. Non obstante, só poderá ser exercido por un dos proxenitores no caso de que ambos traballen.

Na xuntanza do mércores 4 de setembro, os directores xerais de Funcion Publica e de Avaliación e Reforma Administrativa presentaronlles as organizacions sindicais as últimas modificacións sobre o rascuño de Orde de flexibilidade horaria e teletraballo (en fonte verde no arquivo anexo).

Respecto do actual documento, prantexámoslles as seguintes consideracións:

- Demandámoslles que se valore a incorporación de solucións adoptadas para o sector de Xustiza, xa que tendo que tanto Xustiza como a Admon. xeral da Xunta teñen o mesmo sistema de control horario (Kronos), se pretenda establecer no caso da Admon. xeral unha marxe de cortesia na fichaxe de entradas e saidas de so 10 minutos ao dia (en Xustiza, son 30 minutos de cortesía).