Dereitos, deberes, permisos, excedencias..

Nestes últimos meses coñecíamos dúas xefaturas territoriais que aplican criterios diferentes ao xeral e descontan as ausencias por razóns médicas inferiores a 3 días que non causan baixa.

Coa Lei de Medidas 1/2012 a Xunta foi pioneira en aplicar os recortes sobre as traballadoras e traballadores públicos. Un destes recortes, o de complemento de incapacidade temporal, foi dos máis polémicos no senso que supuña “ter que pagar por riba de enfermar” como berramos miles de nós durante as masivas protestas do ano pasado.

Froito desas protestas a Xunta tivo que suavizar a súa proposta inicial e subir do 60% ao 75% as retribucións nos 20 primeiros días de baixa e saír ao paso con declaracións de que deixaba fóra do desconto as ausencias puntuais por enfermidade sen baixa médica.

Posteriormente, unhas instrucións igualmente inxustas, e máis se cabe, xa que cargou por igual contra as incapacidades temporais sen ter en consideración as relacionadas con outras continxencias comúns como: as enfermidades crónicas ou dexenerativas, as de carácter infecto-contaxioso ou as de tipo psicolóxico ou psiquiátrico-invalidante, entre outras.

Os empregados/as públicos/as da Xunta de Galiza vimos recortados nestes dous anos moitos dos nosos dereitos recollidos en acordos e no V Convenio Colectivo, entre eles o dereito ás vacacións que queda fixado en 22 días hábiles para todo o persoal.

O RD-L 20/2012, recortou entre outros, os días de vacacións aos que temos dereito, os días de asuntos propios e suspenderon deixando sen efecto “...os Acordos, Pactos e Convenios ... que non se axusten ao previsto neste artigo, en particular no relativo ao permiso por asuntos particulares, vacacións e días adicionais aos de libre disposición ou de similar natureza” (Art. 8.3 do RD-L 20/2012).

Esta perda de dereitos paliouse, no caso dos funcionarios/as, por unhas instrucións sobre vacacións, permisos e licenzas onde se recollían algunhas melloras. No caso do persoal laboral isto requiría un acordo que aplicase esas instrucións, pero que garantise algunhas melloras que consideramos que o RD-L non impide.

Para isto, despois dunha negociación coa Xunta conseguimos que o persoal laboral puidese ter o mesmo dereito que os funcionarios nunha serie de melloras, que, sen ser o óptimo, conseguían mellorar a situación actual. De aí que a CIG decidira asinar un acordo de aplicación ao persoal laboral das Instruccións do persoal funcionario que contempla:

- Un día máis de asuntos persoais para o 2013 e dous para o 2014.
- Dous días a maiores cando os días 24 e 31 de decembro caian en sábado, domingo ou non laborable. Se ademais se traballa eses días outros dous días máis a maiores de asuntos persoais.
- Posibilidade de coller por separado ata 6 días de vacacións.
- Posibilidade de acumular os días de asuntos persoais aos 6 días de vacacións.
- Mantemento dos servizos mínimos no suposto de ausencia masiva de asistidos.
- Mantemento do disposto no Convenio na consideración de día inhábil para aqueles que traballan a quendas.

NADA DISTO TIÑAMOS DESPOIS DE QUE O GOBERNO APROBARA O RD 20/2012 QUE OBRIGA A QUE TODOS OS ACORDOS PACTOS OU CONVENIOS QUE INCUMPLAN DEIXAN DE ESTAR EN VIGOR.

CIG e CCOO asinamos este acordo. O que non se entende é o papel de doutras organizacións sindicais que, no medio da negociación, decidiron apartarse debilitando a posición negociadora da parte social e abandonando ao persoal laboral a unha situación como a actual que impide acollerse a estas melloras, facendo unha campaña baseada en que as leis non supuxeron recortes no Convenio, contrariamente ao que todo o persoal laboral sabe pois está a sufrilo día tras día, con menos vacacións e menos días de asuntos persoais. Os recortes son reais e o mundo deles ficticio.

O Pleno do Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta de Galiza do 25/06/2013 decidiu por ampla maioría asinar o acordo das instrucións de vacacións, permisos e licenzas que é de aplicación ao persoal funcionario. Únicamente a UXT votou en contra a pesares de que días antes promovía a unanimidade favoráble ao texto.

Estas instrucións son aplicables de xeito inmediato e as mesmas permitirán minguar, mínimamente, os efectos perversos dos brutais recortes do Real Decreto Lei 20/2012 que suspenderon todos os acordos que superasen os tres días de libre disposición e os 22 días hábiles de vacacións.

Así, poderemos detraer das nosas vacacións ata un máximo de 6 días, que se poderán engadir aos de libre disposición para a súa distribución ao longo do ano dependendo das nosas necesidades persoais. Increméntanse os días de libre disposición con aqueles festivos que coincidan en sábado. Cando os días 24 e 31 de decembro coincidan en sábado, domingo ou día non laborable, terase dereito a dous días adicionais de asuntos persoais. Así mesmo, o persoal que traballe os días 24 e 31 de decembro poderá desfrutar de dous días adicionais de asuntos persoais (eliminado pola Lei de Medidas)

O texto de instrucións é o mesmo que o aplicado ao persoal funcionario e que foi publicado no DOG número 56 do 20/03/2013. O luns, 1 de xullo, terá lugar o acto formal da sinatura deste acordó en materia de vacacións, permisos e licenzas do persoal laboral da Xunta de Galiza.

Infórmanos a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar que con data de 1 de xullo de 2013 vai reiniciarse a actividade laboral dos traballadores e traballadoras fixos-descontinuos (3 meses) contratados/as para o Apoio á Campaña de Verán Alto Risco dependentes do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF).

"Á vista do comezo da época de alto risco de incendios forestais, á que se vincula, entre outras circunstancias, a necesidade de efectivos para a loita contra os incendios forestais, a Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, solicitou que se reiniciase a activbidade laboral do persoal laboral fixo-descontínuo co ndata do 1 de xullo de 2013".

O director xeral da Función Pública anunciounos que, dado os útlimos cambios operados na xornada de verán, a orde de flexibilidade e teletraballo entraría en vigor ao rematar este.

Actualmente a fase de negociación atópase no punto de consolidación da postura da Administración, se ben, como avanzamos anteriormente, é moi probable que se temine implantando unha xornada flexible automática como demandaba a CIG. Na última semana de xuño agárdase que teñamos unha reunión definitiva e logo xa levalo á Mesa Xeral. A previsión de publicación sería no mes de xullo se ben non entraría en funcionamente ata setembro.

Con data do 20 de xuño de 2013 o director xeral da Función Pública comunicounos que, con carácter xeral, durante o periodo abrangido entre o 25 de xuño e o 13 de setembro do ano 2013, ambos inclusive, establécese unha xornada intensiva de traballo. A xornada sería de seis horas continuadas que poderán desenvolverse entre as 8:00 e as 15:00, de luns a venres. Con data do 21 de xuño envíaronse as instrucións oportunas.

O director xeral de Función Pública vén de comunicar na Comisión de Persoal que retiran as restriccións de Traballo e Benestar que estaba afectando ás vacacións do persoal laboral.  Convocarán unha xuntanza co Comité Intercentros para o martes, 25 de xuño. A proposta será homexeneizar ao persoal laboral de todas as consellarías co persoal funcionario íntegramente (o bo e o malo).

Medianta resolución da Dirección Xeral de Función Pública o 20 de marzo deste ano publicábase no DOG as instrucións de permisos, vacacións e licenzas para o persoal funcionario. Estas instrucións recollían algunha das ventaxas derivadas das instrucións homónimas da Administración Xeral do Estado como son: poder coller de xeito independente ata 6 días de vacacións, un día adicional de asuntos propios cando un festivo caia en sábado ou domingo ou a consideración como non laborábel do 24 e 31 de decembro.

O mércores 19, o Director Xeral de Función Pública manifestounos que están pendentes da decisión da Consellaría de Traballo e Benestar a respecto das instrucións de vacacións, licenzas e permisos para o persoal laboral.

Estas instrucións non son de aplicación para o persoal laboral tralo veto da Consellaría de Traballo que pretende a inaplicación, durante este ano, para o persoal da área de benestar coa explicación da imposibilidade de mudar os cadrantes. Coa entrada en vigor da Lei de Medidas os cadrantes foran mudados de xeito inmediato e non houbo aprazamento para o seguinte ano.

No caso de que a Consellaría de Traballo manteña o veto, o Director Xeral de Función Pública comprometeuse a convocar ao Comité Intercentros e a Traballo para conquerir o desbloqueo tal como pediu o comité intercentros o pasado día 12/06/2013.

A inmediata sinatura das instrucións que desenvolven o Acordo do 27/03/2013 vai posibilitar que o persoal laboral acceda á xubilación parcial anticipada, acompañada do correspondente contrato de remuda, sempre e cando cumpran as condicións de edade (61 anos), de cotización a seg. Social (30 anos) e de antigüidade na empresa (alomenos 6 anos na data de solicitude).

O que no Acordo non foi posible articular, a acumulación das xornadas, sí é recollido nestas instrucións, de xeito que o/a xubilado/a parcialmente poderá xuntar as xornadas anualmente  e traballar aqueles meses que lle correspondan en virtude do seu contrato a tempo parcial que deberá asinar unha vez decidida e tramitada a súa pretensión de xubilación.

Adiántase tamén a intención de regulamentar con carácter permanente a xornada de verán coa duración comprendida actualmente na Administración Xeral do Estado (do 16 de xuño ao 15 de setembro). Este ano por imposibilidade material entraría en funcionamento algo máis tarde, previsiblemente na última semana do mes.

Para nós, un dos aspectos innegociables nunha orde que regulamente a flexibilización é que esta ten que ser automática, tal e como dispoñen na AXE ou noutras administracións autonómicas. Desde a Administración admiten esta posibilidade, con compensación semanal, e con carácter xeral, reservándose a posibilidade de denegación motivada, dando conta ás organizacións sindicais.

En calquera caso, aínda non está claro se a Administración eliminará a actual flexibillización por motivos particulares con autorización previa ou a conservará, abrindo unha nova flexibilización por motivos particulares, cun horario de presenza máis amplo que de 9 a 14 pero sen autorización previa.