Estes resultados son mostra da confianza do persoal funcionario da Xunta de Galiza na xestión e traxectoria da CIG e supoñen un voto de castigo ás políticas do Partido Popular en relación á Administración Pública.

Foron estes catro anos duros onde os empregados/as públicos/as se levantaron contra a maior agresión das últimas décadas ao noso colectivo. Catro anos de recortes no emprego, nas retribucións, e nos nosos dereitos, onde se levaron adiante privatizacións e se recortaron os servizos públicos que se prestan aos cidadáns.

A CIG foi a forza sindical que estivo ao lado dos/as funcionarios/as públicos na loita destes catro anos polo que o voto á CIG foi un voto contra os recortes, as privatizacións e contra a xestión en materia de persoal da Xunta de Galiza.

Queremos agradecer a confianza depositada en nós polos funcionarios e funcionarias que optaron por un voto en defensa do Público e da nosa dignidade e dereitos, e que veñen traballando día a día por unha Administración Pública mellor.

A CIG, con este aval renovado, vai seguir no camiño da defensa dos intereses dos empregados/as públicos/as e dunha Administración Pública galega e de calidade. 

Tanto se nos votaches como se non, estamos á túa disposición. Tentaremos non defraudarche.