Entendemos que hai fraude porque hai persoal que ten os seu centro de traballo até a 100 quilómetros da mesa o na práctica imposibilítaos para exercer o seu dereito a participar neste proceso. Este dereito debe prevalecer sobre intereses sectarios destas organizacións sindicais e todas e todos os funcionarios deben poder facelo nas mesmas condicións.

Sen medios que faciliten o desprazamento

Xunto a isto temos que denunciar que tampouco se puxo ao dispor do persoal funcionario ningún medio de transporte que facilite o desprazamento a Ourense para ir votar, nin se aclarou se existe algunha axuda de custo prevista que  compense os gastos derivados de participar no proceso electoral.

Lembramos que o horario previsto das votacións é de 9:00 a 14:30 horas, o que impide á xente que traballe a quendas ir en horario laboral, caso de que estiveran na de tarde ou incluso de noite. Neste sentido sinalamos que, de se producir un accidente, se fose en horario laboral sería “in itinere” pero tampouco queda aclarado se se consideraría como tal se ocorrera fóra do horario de traballo.

A decisión da Mesa Electoral Constitutiva do 18 de febreiro, forzada pola maioría  que conforman os sindicatos CSIF, CCOO e UGT de so ter mesas na cidade de Ourense foi recurrida pola CIG en tempo e forma. Porén a Mesa Electoral Coordinadora non  contestou avalando a proposta inicial.

Para a CIG o dereito a voto ten que estar por enriba dos intereses das maiorías que se establezan entre as organizacións sindicais. De feito lembramos que no resto do país, onde a CIG é maioritaria, sempre se garantiu que houbera mesas itinerantes para facilitar a participación.

A este respecto salientamos que a lei 9/1987, do 12 de xuño de órganos de representación, di que, no caso de haber dúbida ou conflito na disposición das mesas, as organizacións sindicais poden por maioría forzar a colocación, porque o que pretende a lei é ser garantista. En Ourense utilízase de forma mal intencionada para todo o contrario e limitar o dereito.