Cómpre subliñar que o profesorado de Relixión presenta a peculiariedade de que non é  seleccionado de acordo aos principios contitucionais de mérito e capacidade no acceso ao emprego público. No caso do profesorado de Relixión Católica, trátase de persoal seleccionado polos bispos e arcebispos da Igrexa católica. Para as confesións non católicas que gozan de acordos de cooperación co Estado (a Comisión Islámica do Estado español,  a Federación de Entidades Relixiosas Evanxélicas e  a Federación de Comunidades Israelitas),  con presenza moi minoritaria, o sistema de selección é similar.

Tanto o Tribunal Supremo como o Tribunal Constitucional teñen recoñecido que o profesorado de Relixión ten un contrato de carácter especial, xa que son nomeados para cada curso académico por proposta da confesión relixiosa correspondente.  Por mor dese carácter singular da súa relación laboral, non se lles recoñece antigüidade por contratos anteriores, nin tampouco a condición de persoal fixo ou fixo-discontinuo.

Nas Administracións Públicas, danse distintas solucións no ámbito da representación sindical para o profesorado de Relixión. Así, hai Administracións que non admiten o profesorado de Relixión como candidatos, aos comités de empresa, por entenderen que a renovabilidade anual impide que reúnan a antigüidade mínima; outras Administracións, en cambio, admiten ao profesorado de Relixión como candidatos. 

A maioría das Comunidades Autónomas, incluíndo as veciñas Asturias e Castela-León, optaron pola solución que desde a CIG-Autonómica nos parece máis razoable: tanto por parte dos respectivos Gobernos autonómicos como das organizacións sindicais correspondentes acordouse a existencia de procesos electorais específicos para o profesorado de Relixión, para evitar que se distorsione a realidade da representación do persoal laboral, ao aumentar o tamaño dos colexios electorais e do número de representantes, sen que iso se traduza nunha mellor representación nin do colectivo do profesorado de Relixión, nin do persoal laboral dependente da C. de Educación e Ordenación Universitaria.

Por estas razóns, desde a CIG temos solicitado á Secretaría Xeral de Educación  que, de cara ás próximas eleccións sindicais, reconfigure o ámbito dos seus comités de empresa  co fin de que o profesorado de Relixión teña unha representatividade separada, entendendo que esta reforma é conveniente para mellorar a eficacia dos comités e  para lle outorgar ao persoal  laboral desta consellaría unha representación específica como existe no resto dos departamentos da Administración autonómica.