Este tipo de convenios resultan moi polémicos dada a súa finalidade: difundir actuacións da consellaría a cambio de cartos. Basicamente é un instrumento legal que teñen as distintas consellarías para incrementar a súa publicidade institucional e ter de man diversos medios. Porén, a pesar da súa legalidade, non resulta moral que se manteñan intactos este tipo de gastos na situación actual de recortes en educación, sanidade, servizos sociais, etc. e con despedimentos, reducións salariais e perda de dereitos para a clase traballadora.

Dende a CIG-Autonómica cremos necesario seguir denunciando estes casos falsa austeridade e demandamos que cese o uso dos convenios de colaboración para repartir cartos públicos de xeito pouco transparente e coa única finalidade de autopromoción. Canto máis tendo en conta que este gasto non está exento de sospeita sobre o condicionamento da realidade que publican os medios conveniados. Non podemos consentir que parte dos esforzos que nos piden vaian destinados a esta finalidade que a sociedade entende perfectamente prescindible fronte ao mantemento dos servizos públicos.