Austeridade, austeridade… velahí a promesa do paraíso. No camiño iremos deixando cachos de vida, e vidas enteiras, mentres ese claro amencer se fai cada día mais remolón, porque, como ben dixo o lúcido pontevedrés das eses húmidas, que traballa de presidente, “se as circunstancias económicas mudan, o goberno verase obrigado a cambiar as previsións“. Brilante, clarividente, e verás ti que inda haberá espíritus desagradecidos e obtusos incapaces de apreciar esa profundidade de analise, esa lotaría en forma de intelixencia política que a providencia disfrazada de democracia nos quixo poñer o frente dun país, que camiñaba directamente a apocalipse. Qué sería de nos, sen estas luminarias?

Austeridade, austeridade.. O mantra resoa sen descanso, pero menos mal que nos quedan os clusters, as fundacións, as asociación de graniteiros, ou as da auga mineral. Ben se sabe, xente altruista, entregada ó duro traballo de minear por puro amor a terra. Estou firmemente convencido que se non fose por eles a terra xa se tería fundido. Ou é que non nos imos dar conta da cantidade de peso que lle teñen quitado nas canteiras de Porriño e Valdeorras? Que planeta iba aguantar ese peso? Por eso levan anos arranca que te arranca, non por outra cousa. Sempre haberá algúen que pense que é por ánimo de lucro. Imposible desfacerse da cuota de malpensantes.

Menos mal que inda nos queda un Goberno da Xunta de Galicia, sensible onde os haxa, que sintoniza con eses hercúleos e altruistas esforzos e dispón axudas para que poidan darlle promocíon e publicidade, para que poidan asistir a Congresos Nacionales de Áridos (outro esforzo mais, qué dura é a vida cos Áridos), e moitos selos de calidade, si señor, calidade. 800 mil euros contribuirán a facer mais levadeira a entregada tarefa destas entidades sen ánimo de lucro.