Despois de moitos anos traballando cunha aplicación informática certamente mellorábel pero funcional, os responsábeis políticos da consellaría de Traballo e Benestar decidiron “modernizar” o software e, como é costume por parte dos nosos gobernantes, prefiriron adxudicar a contratación a unha empresa privada en troques de utilizar o persoal informático propio da Xunta. En total uns 68 millóns das antigas pesetas ao que sumamos que a Administración tivo que renovar moitos PCs por obsoletos para soportar as novas ferramentas e, sobre todo, que a nova aplicación obrigou a mercar novas pantallas panorámicas de considerábel tamaño para todos os postos de traballo por requisitos do deseño das aplicacións. Todo un capital que non o hai para outros conceptos nestes tempos de axustes.

Indra, unha historia de amor

Indra Sistemas S.A. é unha empresa ben coñecida nos despachos e instalacións da Administración Autonómica e, unha vez máis, resultou a beneficiaria dun saboroso bocado: con 412.298,80 euros (máis de 68 millóns de pesetas), a Xunta podería contratar directamente un magnífico equipo de analistas, programadores e técnicos informáticos propios para facer o traballo sen necesidade de buscar beneficio para repartilo entre os accionistas de Indra.

No DOG do 4 de xaneiro do 2010 atopamos o anuncio de contratación mediante tramitación urxente (necesidade inaplazable ou cuxa adxudicación sexa preciso acelerar por interese público), resultando a resolución definitiva do mesmo o 19 de maio do mesmo 2010. Consiste principalmente na migración, mantemento e soporte dos programas para a Pensión Non Contributiva e RISGA, cun prazo máximo de entrega e posta en funcionamento de sete meses (mellorando en tres os meses do pliego de condicións).

Dende maio de 2010, e estamos a marzo do 2013, pasaron case tres anos, sendo o prazo de entrega de sete meses! Esta xenerosidade no tempo que non se especificaba no pliego de condicións, de ser coñecida por outras empresas, houbese producido máis empresas pretendentes ao contrato?

A consellaría de Traballo debía nomear un xefe de proxecto responsábel de, entre outras, a aceptación do produto final entregado e, nese intre, comezaría a correr o tempo de garantía (1 ano): está aceptado un produto final que non funciona correctamente nin se adapta ás necesidades dos usuarios e usuarias?