Ao marxe das axudas que se establecen a través desta resolución, hai que ter en conta a cantidade de diñeiro de difícil control e seguimento que supón a publicidade institucional que contratan as diferentes consellarías: anuncios e campañas que teñen pouco de informativas e moito de botarse flores sobre as políticas desenvoltas. Ao anterior hai que engadirlle os mal chamados "convenios de colaboración" nos que os medios cos que se realizan reciben máis cartos a cambio de máis publicidade.
Máis convenios coa prensa nas diferentes consellerías
Desta volta tócalle a Medio Rural e Mar, se ben vai pouco denunciabamos os de Industria. Son un total de 739.000 € e o gasto desagregado por destinatario é o seguinte: 149.000 € para La Voz de Galicia, S.A., 149.000 € para El Faro de Vigo, S.A., 149.000 € para Editorial Compostela, S.A., 100.000€ para El Progreso de Lugo, S.L., 100.000€ para Medios Digitales de Galicia, S.A.U., 50.000€ La Opinión de A Coruña, S.L. , 30.000€ para o Grupo Lérez Ediciones, S.L. e 10.000 € para Rías Baixas Comunicación, S.A.
No DOG do 27/05/2013 a consellaría fai publica a listaxe de todos os convenios subscritos no segundo e terceiro cuatrimestre do ano pasado. A maiores do atraso na publicidade destes convenios, atópase a imposibilidade para a súa consulta detallada, algo que torpedea a transparencia na xestión de cartos públicos. A novidade de Medio Rural nestes convenios con entidades de comunicación para “promover campañas informativas de publicidade e comunicación institucional”, é a referencia explícita á autorización lexislativa da Lei 29/2005, do 29 de decembro, de publicidade e comunicación institucional. Porén, porque algo sexa legal, e máis nunha época de recortes brutais ás clases máis desfavorecidas, non ten porque ser xusto ou mesmo moral.
Falsa austeridade
Dentro do actual panorama económico, e particularmente dentro da Administración galega, ás empregadas e empregados públicos, como a meirande parte da cidadanía, resúltalle incomprensíbel que se recorte en servizos públicos esenciais e nos seus propios dereitos para manter outros gastos superflúos como a subvención ou os convenios cos medios privados.
Debemos continuar denunciando estes casos de falsa austeridade onde comprobamos que si hai cartos para o que se quere. Canto máis tendo en conta a finalidade de autopromoción deste gasto e que non está exento de sospeita sobre o condicionamento da realidade que publican os medios conveniados ou subvencionados. Non podemos consentir que parte dos esforzos que nos piden vaian destinados a esta finalidade que a sociedade entende perfectamente prescindible fronte ao mantemento dos servizos públicos.
A maiores atoparíamonos cun acto saludábel na liberdade de prensa e na contribución a facer do xornalismo non noso país unha ferramenta para a información obxectiva e veraz, non sometida a presióńs políticas que compran portadas cos cartos (e os recortes) de todas e todos.