O primeiro dos contratos, convocado por AMTEGA e valorado en 387.200 € consiste na prestación dun servizo de atención presencial para resolver in situ aquelas incidencias que non poidan solucionarse a distancia, así como os procesos de cambio nos ordenadores e periféricos. Esto é, prestar exactamente o mesmo servizo que xa veñen prestando os empregados públicos dependentes de AMTEGA. Á empresa (ou empresas, que poden ser duas) só se lles exixe contratar un mínimo de catro persoas con estudos de FP ou superior de tecnoloxías da información e comunicación, durante dous anos. Por tanto, a Xunta está disposta a pagar por persoa contratada e ano ata un máximo de 48.400 €, bastante máis do dobre do que custa un traballador con similares condicións.

O segundo dos contratos está convocado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), valorado en 484.000 € en dous anos prorrogábeis, consistente no mantemento, actualización e desenvolvemento de novas funcionalidades nos sistemas de información do IGVS, para o que exixen un mínimo de catro persoas (xefe de proxecto, analista-funcional e dous programadores). Tocan por tanto a 60.500 € por traballador e ano, algo, digamos, “lixeiramente” superior ao que costaría tamén un empregado público.

Nestes tempos de crise véndese moi ben o discurso da austeridade, dos recortes, da redución da administración. Así que é doado apuntarse a destruir emprego público e substituilo por empresas privadas que, como todo o mundo sabe son ONGs que non buscan beneficio.

Como levamos denunciando durante moito tempo, detrás da "austeridade" non se atopa máis que un cambio de modelo: a prestación de servizos públicos a través de empresas privadas. E como está demostrado "o público é servizo e o privado beneficio". E este beneficio adoita sacarse de tres formas: ou empeorando o servizo ou empeorando as condicións laborais das traballadoras e traballadores, ou incrementando os custes para a administración, ou todo xunto á vez. Sen dúbida a Xunta está apostando por este útlimo modelo de servizos públicos precarios.

A CIG-Autonómica reclama, unha vez máis, que se cree unha comisión de control con participación social sobre as asistencias técnicas para determinar que traballos son estruturais e deben ser desempeñados con persoal propio, e en cales é convinte a contratación externa.

Non é xustificable a contratación de servizos externos e máis caros cando estes poden ser asumidos con persoal informático propio. Reclamamos, xa que logo, a suspensión das ofertas de contratos referidos, a incorporación das prazas retiradas ao concurso de traslados, e a negociación da relación de postos de traballo de xeito que co seu incremento non sexa necesario acudir a emprresas externas.

Cos 871.200 € que está disposto a gastar en dous anos o señor Feijoo, a Administración Galega podería contar con bastantes máis dos oito postos de traballo que van ofrecer as empresas privadas, e por bastante menos diñeiro.