A Consellaría de Educación seguiu para diante co seu afán destructor e privatizador: botou á rúa a unha cociñeira que viña elaborando os menús das nenas e nenos desa comarca da montaña luguesa, pechou a cociña e substituíu unha comida elaborada alí mesmo por outra elaborada no CPI de San Román de Cervantes e que ten que ser transportada durante media hora. Todo en aras da eficiencia, a mellora da xestión e a austeridade.

Vexamos os datos:

A cociñeira que despediu a Consellaría de Educación costáballe anualmente á administración 16.371,60 € de soldo + 5.140 € de cotización á Seguridade Social. Total: 21.511,60 €

O contrato, publicado na Plataforma de Contratos Públicos da Xunta de Galicia o 06/09/2013, para o “Transporte dos menús elaborados nas cociñas do CPI de Cervantes ata o comedor do CEIP Ponte de Doiras (Cervantes, Lugo) e outros servizos complementarios durante o curso 2013-2014”, realizado baixo a modalidade de contrato negociado sen publicidade, cóstalle á administración 24.957 € + IVE (5.241 €). Total: 30.198 €

O obxecto do contrato é o “transporte dos menús elaborados nas cociñas do CPI de Cervantes ata o comedor do CEIP Ponte de Doiras, a colocación das mesas do comedor e a distribución e o servizo dos menús aos comensais e os labores de recollida e limpeza do material empregado e das dependencias do comedor”, labores que realizaba a cociñeira despedida e “as tarefas de atención e coidado do alumnado durante os tempos que median entre a saída da última clase e a súa entrada no comedor, e o retorno á súa casa ou a súa incorporación á primeira clase vespertina”, que realizaba o persoal docente do centro.

É un exemplo que deixa meridianamente clara a mentira do menor custo dos servizos prestados polas empresas privadas. En canto á calidade non é necesario cabilar moito para enteder a diferencia entre unha comida servida no momento da súa elaboración e outra transportada durante máis de media hora.

As mentiras repetidas constantemente poden chegar a crerse, pero a realidade é teimuda. O Partido Popular minte para xustificar o desmantelamento dos servizos públicos e a súa privatización, para darlle negocio aos amigos a consta dos cidadáns e das cidadás.