Falsa austeridade

No DOG do 01/10/2013 publicase a listaxe de subvencións concedidas a fundacións, asociacións e institucións culturais, para a realización de programas culturais no noso país. Entre a listaxe de entidades beneficiarias destaca unha moi coñecida na Xunta pero non precisamente pola súa labor cultural: a Fundación de Estudios e Análises (FESAN) da que tempo atrás denunciabamos a súa vinculación ao Opus Dei.

FESAN é unha desas consultoras omnipresentes na Xunta que vale para un roto ou para un descosido: tramitar expedientes de Traballo, xestionar escolas infantís, centros de día de persoas maiores, organiza accións formativas nos centros de formación profesional para o emprego, obradoiros itinerantes para o fomento do consumo de conservas, programas de turismo social, cursos de coperativismo... todo a cambio de millonarios contratos de servizos preferentemente co departamento de Traballo e Benestar e tamén co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

Neste caso a cantidade que recibe FESAN é das máis baixas que acostuma a recibir polos seus servizos aínda que no tramo superior destas subvencións culturais en concreto (6.628,44 €). O que chama a atención é o concepto polo que a recibe: por unha subvención cultural. Da propia listaxe de asociacións beneficiarias a maioría (que non todas) son sen ánimo de lucro pero máis aló desto, chama a atención de xeito especial: 1) que a súa actividade primordial non está relacionada co desenvolvemento da cultura nun eido concreto e 2) que xa recibe un montón de pasta da Xunta por outros contratos de servizos do máis diverso.

Na súa páxina web non aparece por ningún lado as actividades de promoción cultural das que din que se subvencionan. Polo que o "único" que se nos ocorre é que lle estamos a pagar as clases de baile que darán nos centros que tutelan e que deberían ser ofertadas por eles como servizos a comunidade. Iso por non dicir que hai suficientes indicios que apuntan cara un evidente favoritismo con esta empresa multidisciplinar.