Falsa austeridade

No DOG do 16 de abril publícanse varias resolucións de formalizacións de contratos por valor de 820.000€, algunhas delas con vellas empresas coñecidas xa pola Xunta como Altia ou Indra. Estamos a falar de dous nichos de emprego moi codiciados para as privatización: limpeza e informática. Porén, xa sabemos que non se quedan só aquí: abundan as privatizacións de toda clase de servizos, mesmo os puramente administrativos. O que hoxe é simplemente un "apoio" ou unha "asistenza", mañá será a regra xeral, como pasa hoxe nestes casos tan comúns.

No DOG de onte saíu anunciada a formalización dun contrato por valor de 338.000€ en beneficio da empresa privada Obradoiro de Socioloxía, S.L. consistente na  realización dos traballos de recollida da información para a enquisa de poboación activa en Galicia. No prego de prescricións técnicas deste contrato dise que: “Co fin de cumprir os obxectivos marcados polo plan galego de estatística e, en aras de conseguir un uso racional dos recursos ......”

Queda moi clariño que para o IGE o "uso racional dos recursos" é sinónimo de privatización de servizos públicos, mais o que resulta absolutamente escandaloso é que o propio IGE vai formar ao persoal desa empresa privada, tal e como se desprende do prego de condicións cando di que:
“O IGE impartirá en Santiago de Compostela o curso inicial sobre a enquisa aos entrevistadores e aos inspectores de entrevistadores....” así como que “O IGE formará aos enquisadores e aos inspectores de enquisadores, asesorándoos antes e durante o traballo de campo, en tódalas dúbidas e problemas que se poidan presentar.”

O servizo de prestacións está paralizado por problemas informáticos que están a afectar negativamente na tramitación de dúas das prestacións máis sensíbeis para colectivos desfavorecidos: a Renda de Integración Social de Galiza (RISGA) e as Pensións Non Contributivas. A causa está no incorrecto funcionamento dunha nova aplicación informática contratada coa omnipresente Indra Sistemas, S.A. por un total de 412.298,80 euros (IVE engadido).

O servizo de prestacións leva xa varios días paralizado, porque o novo programa funciona mal, excesivamente lento e non se axusta aos requirimentos do uso: campos necesarios difíciles de localizar, campos innecesarios destacados, datos irrelevantes que requiren ata catro confirmacións para seren gravados, lentitude excesiva. É significativo o cambio do tempo de atención no mostrador para expedir certificados, o que está a provocar longas colas: o tempo de resposta pasou de segundos a varios minutos.

800.000€ pra subvencionar a entidades mineiras "sen ánimo de lucro".

Non resulta doado, nestes tempos, fuxir da impenitente cantinela que ten como estribillo a crise. Pares onde pares, sempre te vas encontrar con algúen que te azouta co palabrexo de marras, sexa cura, abogado, electricista, político ou funcionario, da igual, todo o mundo o aprendeu, e moito ollo con replicar. Para eses atrevidos está adxudicada a excumunión do adormecente colchón do pensamento único. Apostasía imperdonable… é que non vés que non hai cartos por ningún lado?

Non quedan nin para colexios, nin para medicamentos, nin para os traballadores que van sacando a flote os poucos servicios públicos que sobreviven, nin para os que, xa nin sequera, están nese privilexiado paraíso de ser traballador, inda que non chegues os mil euros e teñas que desplazarte todolos días centos de quilómetros, sair inda de noite e voltar cando xa o día vai canso, ¡putos privilexiados, que inda se queixan de poder ser un esclavo moderno e homologado!

No DOG do 20/03/2013 publícase a resolución da EGAP pola que se convoca un chamativo curso monográfico titulado: os retos e as perspectivas do emprego público nun contexto de crise. Xa de primeiras sorprende que nun contexto político de restricións orzamentarias a EGAP dedique os seus austeros recursos a organizar precisamente este tipo de actividades non formativas. Cómpre recordar que o ano pasado foi anulada a metade do seu plan formativo por este motivo.

Que a función pública galega precisa unha reforma é evidente vendo a inversión da pirámide de recursos humanos na administración xeral; máis que sobrar empregadas ou empregados públicos como escoitamos moitas veces, a realidade é que abunda a desproporción dos postos de confianza así como as subcontratas para a prestación dos servizos públicos. Porén, existe un desleixo total na xestión eficiente e profesional dos recursos humanos públicos por parte dos responsábeis políticos e equipos directivos.

Vergoñenta, lamentábel e insultante. Con estos tres adxectivos pódese resumir de xeito explícito a actitude da Xunta de Galiza neste asunto. No medio da treboada de presunta corrupción política que hai tempo arrodea a capital de Galiza, xurde o raio salvador da Xunta en forma de sendos convenios de colaboración entre a Secretaría Xeral de Medios e a Editorial Compostela e La Voz de Galicia para a difusión informativa das potencialidades de Santiago de Compostela.

Estes dous convenios foron subscritos no terceiro cuadrimestre do ano 2012 e supuxéronlle ás arcas públicas a cantidade de 205.000 €, segundo a resolución que sae publicada hoxe no DOG. Estes cartos forman parte da partida de 14.500.000 € que no período que vai dos anos 2009-2012 xestionou a consellaría de Propaganda da Xunta de Galiza. Con esta operación mediática, a Xunta está a lavar a cara das miserias do goberno municipal do PP na capital do país, o que supón unha nova aldraxe á dignidade de todas e todos nós.

Nestes días que estamos asistindo a propostas de amortizacións por todas as consellarías, a Xunta non da marcha atrás na súa estrutura coas vicesecretarías e segue na teima de crear estes postos nas RPTs nas que aínda non figuran. Cómpre destacar que as vicesecretarías xerais non son órganos obrigatorios na estrutura da Xunta como se pode comprobar no artigo 32 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización  e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Os últimos exemplos témolos en Educación e Medio Rural. En xeral, nas RPT non se aprecia o mesmo grao de austeridade no caso do persoal de confianza pero o paradigma desta falsa austeridade atopámolo na creación nestos tempos de crise das vicesecretaría xeral e posto de secretario/a que dela depende que ten un custo aproximado de 70.000€ anuais (50.000 da vicesecretaría e 20.000 do posto de secretario/a); gastos sociais e de antigüidade excluídos. As ditas cantidades poden comprobarse e detallarse na oficina virtual da Consellaría de Facenda na seguinte ligazón.

A Consellaría de Economía e Industria publica no DOG do 27 de febreiro os convenios subscritos no último cuatrimestre do 2012 no que aparecen outros 300.000 € para diferentes grupos editoriais de prensa galega.

Esta asignación únese aos 450.000 € do resto deste tipo de convenios que subscribiu esta consellaría durante o ano 2012 (DOG de 2 de novembro). O gasto total desagregado sería de 150.000 € para cada unha das 5 seguintes entidades: Editorial Compostela, S.A., La Voz de Galicia, S.A., El Progeso de Lugo, S.L., El Faro de Vigo, S.A. e La Región, S.A. Cómpre destacar que o custo destes convenios non sufriu ningún tipo de recorte ou minoración respecto aos do 2011, como se pode comprobar no DOG do 1 de xuño de 2011.

O atraco ao erario público formalizouse coa sinatura dun curioso Convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Traballo e Benestar e a Entidade Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres para o desenvolvemento das distintas actuacións necesarias para a adquisición do Castelo de Pambre.

O custo total da operación por ambas consellarías é de 3,1 millóns de € dos que Traballo e Benestar achega a maioría dos cartos: 2 millóns de €. E que fai Traballo e Benestar poñendo cartos para a recuperación do patrimonio cultural? Pois o fai porque Cultura non tiña suficiente dotación (supoñemos que algo terá que ver o buraco negro da Cidade da Cultura) e dado que o castelo se lle compraba a unha entidade que realizaba actividades benéficas, Traballo e Benestar xa ten a xustificación para continuar na súa teima de prestar os servizos sociais non rentables a través da beneficencia.