Fondo Acción Social

O martes 20 de marzo asistimos a unha xuntanza entre sindicatos e Administración para tratar o Fondo de Acción Social (FAS) do ano 2017 que, un ano máis, queda reducido únicamente á axuda para atención de persoas con discapacidade. Na xuntanza a CIG manifestou e demandou:

  • Recuperar todalas axudas que tiñamos antes da crisis e aumentalas progresivamente.
  • Incrementar o fondo ata chegar ao 1% da masa salarial, tal e como tiñamos marcado como obxectivo antes dos recortes.
  • Que en todas as axudas se teña en conta o nivel de renda das familias.
  • Os documentos que se repitan a partir da primeira vez que xa non se teñan que presentar.
  • Os informes da Seguridade Social que os solicite a Administración Autonómica ao INSS.

Os representantes da Administración limitáronse a tirar balóns fora, derivando á negociación dos orzamentos da Comunidade Autónoma. Sobre o tema dos certificados da Seguridade Social que van mirar si é posible que a Xunta teña acceso a eses datos. Sobre as retencións do IRPF din que é o Ministerio de Facenda quen as impón, limitándose as Consellarías a aplicalo. E sobre o remanente di que xa non é necesario pois non hai ningún contencioso pendente. Sobre a publicación di que irá a un vindeiro Consello da Xunta e logo se publicará no DOG, por mediados do mes de abril do 2018.

Resumo desta reunión: o FAS fica reducido, un ano máis, a unha única axuda e a Administración non ten intención, por o menos de momento, de aumentalo. E iso que din os políticos que dirixen a Xunta que “la crisis es historia”, “ya tal”.