Fondo Acción Social

No DOG do 31 de outubro de 2016 publicouse a resolución da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do fondo de acción social do exercicio económico 2015, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

As listaxes pódense consultar na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS

As persoas solicitantes deberan introducir o NIF e mais o código de impresión da súa solicitude.

Contra a resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes.

No DOG do 6 de xullo publícase a resolución pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do fondo de acción social (FAS) do exercicio económico 2015, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

As listaxes provisionais poden consultarse na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública. Para o coñecemento íntegro do acto os solicitantes deberán introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e mais o código de impresión da súa solicitude.

Contra a resolución provisional dos expedientesas persoas interesadas poderán presentar reclamación e, de ser o caso, emendar os defectos causantes da exclusión provisional, no prazo de dez (10) días hábiles a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

No DOG do mércores 30/03/2016, publican a Resolución da Dirección Xeral de Función Pública pola que se ordena a publicación dos criterios de reparto do FAS-2015.

Un ano máis o FAS tan só recolle unha modalidade: Axudas para a atención de persoas con discapacidade, destinada ao persoal ao servizo da Xunta de Galiza que teña baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas expensas cónxuxe, parella de feito, fillos ou ascendentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou tutelados por sentenza xudicial firme que sexan discapacitados físicos, psíquicos ou sensoriais recoñecidos como tales polo organismo competente antes do 1 de xaneiro de 2016.

A CIG votou en contra dun Fondo de Acción Social que non contempla máis que unha única modalidade, desvirtuando por completo o que debería ser un FAS. A postura da CIG é a mesma que nos anos anteriores: rexeitamos esta proposta que reduce por quinto ano consecutivo a partida adicada á acción social, cunha perda de 35 millóns de euros nos últimos exercicios. A CIG non renuncia á recuperación das axudas por estudos, as de fillos menores, a de estudos de fillos, adquisición de vivenda, etc...

A CIG denuncia un novo recorte no Fondo de Acción Social e esixe a recuperación dos dereitos perdidos nos últimos anos. O sindicato nacionalista denuncia que a Xunta nin sequera estea disposta a blindar a escasa contía que asigna ao FAS, ao no garantir que se manteña a contía global se as solicitudes son inferiores aos fondos destinados.

Na proposta de criterios de reparto do FAS 2015 presentada pola Dirección Xeral de Función Pública o xoves 25 de febreiro, repítese un ano máis o feito de que a única modalidade existente é a da axuda a persoas con discapacidade, desvirtuando por completo o que o FAS veu sendo historicamente, malia a súa coñecida incapacidade para facer fronte ao que un verdadeiro fondo de acción social debería facer. A posición da CIG ao respecto do FAS é a mesma que a dos catro anos anteriores, dun total rexeitamento á proposta da Xunta de Galiza, toda vez que o persoal da Administración Autonómica ve reducida por quinto ano consecutivo unha partida adicada á acción social que supera os 7 millóns de euros por anualidade, achegándonos xa a unha perda de 35 millóns de euros nestes catro exercicios. Desde a CIG non renunciamos á recuperación das axudas por estudos, as de fillos menores, a de estudos de fillos, adquisición de vivenda, etc…

No DOG do 21/10/2015 publicase a Resolución pola que se anuncia a exposición das listas definitivas de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do FAS 2014, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade, para o persoal da Administración da Xunta de Galiza.

Como anexo a esa resolución, publícase a distribución final da concesión das axudas. As persoas solicitantes poderán consultalo dende o web de Función Pública.

No DOG do 1 de setembro publicouse a Resolución de Función Pública pola que anuncian a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas do Fondo de Acción Social do ano 2014, relativo á axuda para atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galiza.

Os datos podes consultalo dende o web de Función Pública (ligazón ao FAS).

Para emendar no caso de exclusión, hai dez días hábiles a contar dende o seguinte á publicación da resolución (por tanto, ata o sábado 12 de agosto).

No DOG do 20/10/2014 publícase a Resolución da Dirección Xeral da Función Pública pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas do Fondo de Acció Social 2013, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galiza.

Tes un prazo de dez días hábiles para emendar defectos (ata o venres 31 de outubro).

O luns 28 de xullo publicouse no DOG a resolución pola que se modifican os criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2013 das axudas para a atención de persoas con discapacidade. 

Deste xeito ábrese un novo prazo de solicitudes para o persoal funcionario ou laboral da Xunta de Galiza que, como consecuencia dunha modificación da RPT da súa consellaría pasara a ocupar un posto de traballo nunha axencia pública ou en Augas de Galiza.

O persoal afectado por esta modificación terá un prazo de 10 días hábiles para cubrir na web as solicitudes, imprimilas e presentalas nas unidades de persoal  (o persoal que xa presentara solicitude non ten que facelo de novo).

Podedes ver o procedimento completo de solicitude na orde publicada no DOG nº 141 do 28 de xullo

Achéganos Función Pública o borrador dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social para o 2013 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidades que, tralo recorte establecido pola Lei de medidas de 2012, foi ao que quedou reducido o FAS.

Porén, compre recordar que xa pasaron eses 2 anos aos que facía referencia a disposción derradeira da lei de medidas que instaba a súa revisión en función da melloría da situación económica, unha melloría da que Feijóo leva presumindo durante o último ano. Xa que logo, sería o momento de que comezase a levantar as restricións establecidas por esta lei, entre elas o Fondo de Acción Social.

Tralo recorte relizado pola Lei de medidas de 2012, o dito FAS quedou reducido á axuda para a atención de persoas discapacitadas.

As persoas que, atopándose incluídos no ámbito persoal da axuda, desexen optar a ela deberán completar en liña a solicitude que se atopará no web: http://www.xunta.es/dxfp/fas.htm. Posteriormente, presentarán esa mesma solicitude impresa debidamente asinada, perante as correspondentes unidades de persoal.

O prazo para cubrir na web as solicitudes e para presentalas ante as unidades de persoal unha vez impresas será de 15 días hábiles a contar desde o día da publicación no Diario Oficial de Galicia, e de ser o último día do prazo de presentación un sábado, este prorrogarase ata o seguinte día hábil