Nin que dicir ten, ademais, que desde a CIG rexeitamos con contundencia que se supriman os cursos formativos e probas libres destinados ao conxunto dos empregados públicos, mentres a EGAP continúa a realizar as máis pintorescas xornadas e encontros -de elevado custe-, para o colegueo, para lles dar regalías a palestristas afíns.

En calquera caso, desde a CIG consideramos que podería ser entendida algunha forma de redución da formación se se suprimisen as referidas accións non formativas, seminarios e xornadas, mais non podemos admitir a arbitrariedade de que se reduza a formación en língua galega, ou que se supriman as probas por libre (e teórico baixo custe) da formación dixital, ou que se reduza a oferta de cursos de Xefatura de Negociado e Sección, entre outros. Tampouco é admisible que por parte da Administración non se contemple ningunha forma de compensación para os empregados públicos que, fiándose da seriedade que se lle debería presupoñer á EGAP, solicitaron cursos formativos para este segundo semestre, e polo tanto quedan en desvantaxe respecto do persoal que solicitou o cursos para a primeira parte do ano.

Polos motivos expostos, a CIG vén de dirixirse ao director da EGAP e ao conselleiro de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, demandando que se priorice o desenvolvemento de cursos e probas libres sobre actividades non formativas da EGAP, así como que se arbitre unha solución para os empregados públicos que se inscribiron en accións do segundo semestre confiando na fiabilidade da planificación da EGAP, co conseguinte agravio comparativo.

Descargar o escrito dirixido pola CIG ao director da EGAP pola anulación da oferta formativa

Descargar o escrito dirixido pola CIG ao conselleiro de Presidencia