Pero non remata a cousa aí: invitan tamén a Miguel Anxo Bastos Boubeta, liberal declarado, próximo ao partido popular e polémico onde os haxa. Famoso polas súas frases sobre que nas facultades "ensinan veleno" e "hai que sacarlle a esquerdallada da cabeza". Velaquí un elenco das súas mellores frases. Tamén está outro dos grandes clásicos do PP, Manuel Aragón Reyes, ex-maxistrado conservador do Tribunal Constitucional, que axudou ao recorte do estatuto catalán e que saía co puro naquela corrida de touros en Sevilla co resto de maxistrados conservadores nas vísperas de publicarse a dita sentenza.

Non resulta estrano que a organización desta clase de cursos vaian seguindo o camiño trazado pola FAES, fundación que marca a liña ideolóxica do PP, no sentido de atacar á función pública primeiro, logo ás autonomías e do Estado do Benestar, en xeral. O que sería estrano é que se organizase un curso relacionado cos niveis de corrupción galopante nas Administracións aproveitándose dos recursos públicos, o alto índice de fraude e evasión de capitais, a regresividade fiscal ou o nivel de infradesenvolvemento dos Servizos Públicos respecto ao que nos correspondería por PIB.

Desde a CIG, criticamos que se empreguen os recursos da EGAP para organizar actividades que non son de formación, senón de ideoloxización. Unha institución pública non pode dar unha visión sesgada á cidadanía sobre o "futuro do Estado das Autonomías". Porén, do programa do curso despréndese unha clara CENSURA da liña de pensamento oposta á RECENTRALIZACIÓN do Estado, por non dicir da defensa doutros modelos de estrutura territorial do Estado alleos ás políticas do Partido Popular. Trátase logo, dun curso partidista que debería financiar a FAES e ser desenvolto no ámbito do Partido Popular, e non a través dunha institución pública adicada á formación das empregadas e empregados públicos e pagado con cartos de todas e todos os contribuíntes.

Por último, imos solictar explicacións formais e reclamaremos o seu custo exacto, incluíndo organización, publicidade, ponencias e axudas de custe. Se queren convencernos de que recortar é o mellor, a base de repetir e repetir os mesmos argumentos, canto menos que o fagan cos recursos das persoas que se están vendo beneficiadas por esas políticas.

NOTA: O 4 de xuño publicouse no DOG a convocatoria deste curso monográfico. Posteriormente desde a EGAP deusélle reiterada publicidade a través de varios envíos aos correos corporativos das empregadas e empregados públicos da Xunta. A sesión incial terá lugar na EGAP o mércores, 19 de xuño, ás 13:30h.