O 21 de setembro a EGAP publica na súa web anuncio de convocatoria de  “tres cursos dirixidos ao persoal informático funcionario ou laboral ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas no apartado a) do artigo 45 da LOFAXGA (Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico (DOG do 31)).” Dito anuncio foi comunicado a través do correo electrónico as contas corporativas a algúns dos posibles solicitantes o día 21/09/2015 e a outros chegoulle a través de correo o 23/09/2015. O anuncio da convocatoria é de data 21/09/2015. Por suposto, non se publicou ningunha convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Segundo o anuncio de convocatoria o prazo de inscrición é das 08.00 horas do día 22 de setembro ata as 23.55 horas do día 23 de setembro. Segundo a páxina da EGAP o prazo de inscrición é desde as 8 horas do día 22 de setembro ata as 14 horas do día 23 de setembro de 2015

Este xeito de “convocar” actividades formativas prexudica o persoal que se atopa de vacacións ou de permiso.

A CIG ven de dirixir dous escritos, un á EGAP e outro a Amtega, solicitando a publicación da convocatoria destas accións formativas no Diario Oficial de Galicia e apertura dun novo prazo de inscrición de mínimo de 15 días que garanta os dereitos de todo o persoal afectado.