Formación

O día 31 de xaneiro a CIG e as outras organizacións sindicais, mantivemos unha xuntanza coa Dirección Xeral de Emerxencias en relación á formación dos Axentes Forestais/Medioambientais durante o ano 2018.
Por parte da administración asistiron:
-Director Xeral de Emerxencias.
-Subdirector Xeral de Emerxencias.
-Xefe de Servizo de Formación.
-Xefa de Sección de Formación.
-Xefe de Servizo de Coordinación da Consellería de Medio Rural.
-Xefe do Servizo Xurídico da CMAOT.

O director xeral indícanos que o 1 de febreiro aprobaráse a formación no Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Os cursos a impartir no primeiro semestre do 2018 serían:

1. Específicos para axentes.

  • Curso sobre leis caza e pesca. Destinatarios preferentemente axentes de CMAOT. Solicitamos que se substitúa esta curso polo de “Técnicas forenses criminalística e policía científica aplicadas á investigación de delitos contra a fauna salvaxe”.
  • Redacción de dilixencias, actas e informes.
  • Defensa verbal e resolución de conflitos no ámbito forestal.
  • Condución de vehículos todo terreo.

2. Outros cursos nos que abren a convocatoria para que poidan participar axentes.

  • Xornada formativa para o control da vespa asiática.
  • Apoio psicolóxico e manexo de estrés en situacións críticas de emerxencia e catástrofe (estudarán a posibilidade de facelo específico para axentes).
  • Caza e pesca con especial referencia a furtivismo (conxunto ca policía local). Solicitamos que se refundise co curso de caza e pesca.

Os criterios comúns de selección son por orde de inscrición e do 60% para axentes de Medio Rural e do 40% para os de CMAOT, salvo os cursos específicos de medio ambiente nos que terán preferencia os axentes de dita Consellería.

3. Cursos a realizar na EGAP.

  • Aplicación de sistemas de información xeográfica ARCGIS.
  • Manexo de técnicas de dispositivos de orientación básica.
  • Control sobre o terreo de axudas forestais.
  • Formación en inspección de sanidade vexetal.

4. Cursos pendentes de orzamento da Consellería de Medio Rural.

  • Dirección de grandes lumes.
  • Investigación de incendios forestais.
  • O papel do axente medioambiental coma axente da autoridade.

Este é un bo inicio na demanda formativa que levamos pedindo dende fai tantos anos, pero o obxectivo é a definición dun plano ou itinerario formativo estable planificado e orzamentado.