Datos desagregados: insistimos na necesidade de contar cos datos de no de prazas, no de solicitudes, persoas admitidas, aprobados, suspensos, edicións canceladas... A directora xustificase en que enviar toda a documentación sería inabarcable e que é máis operativo enviar só os datos concretos, pero que se queremos coñecer calquer outro dato, non teñen problema, que llo solicitemos á secretaría xeral da EGAP. Manifestamos que o sistema actual de enquisas non dá unha imaxe real e efectiva porque as enquisas realizadas non chegan en moitos casos nen á metade do alumnado de cada actividade formativa. A directora di que non poden obrigar ao alumnado a facer as enquisas e que están abertos a propostas alternativas de medición da satisfacción do alumnado.
  • Constatamos unha diminución na oferta formativa con respecto ao ano pasado mentres que a demanda de cursos vai en aumento.
  • Constatamos tamén unha diminución do orzamento de preto dun 4 % no orzamento para actividades formativas na administración local. A directora di que a formación non é menor e lembra que na primeira convocatoria publicada a primeiros de ano xa contempla a posibilidade dunha convocatoria extraordinaria, polo que non lles consta que en cómputo anual a oferta vaia ser menor. Veremos se é certo...
  • A acción formativa nas Universidades diminúe en relación ao 2017 e só contempla dúas edicións de linguaxe administrativa galega. A directora di que no segundo semestre publicarán o resto de actividades formativas, que xa foron consensuadas coas tres universidades e que a enviarán coa documentación do vindeiro consello reitor.
  • Preguntamos polos criterios de selección dos formadores e comentamos que poderíanse estar a dar casos de amiguismo ou enchufismo. Non lles consta iso e di que se hai queixas son os primeiros interesados en sabelo e remítese ás enquisas de satisfacción da calidade dos docentes. Di que ás persoas que están aí supónselles unha solvencia polas súas publicacións, pola súa docencia na materia obxecto do curso e por cuestións académicas. Considera a directora que non fai falla que consten en ningunha instrucción interna nen ser publicado no DOG. Insistimos en que para a CIG, por unha cuestión de transparencia, si é importante que os criterios de selección e os requisitos para ser formador na EGAP deben ser de coñecemento público.
  • Elaboración de temarios por parte da EGAP: lembramos o compromiso do conselleiro de presidencia nese senso. Recordamos que como CIG expuxémoslle esta cuestión en numerosas ocasións a Función Pública e que esta bota balóns fóra descargando a responsabilidade unicamente na EGAP. A directora di que neste tema teñen que ir da man de FP.